O Executivo incrementa o plan de cooperación cos concellos ata os 21,75M€, o que supón un 20% do presuposto; un 11% os fondos para a mellora da mobilidade; e un 7,6% as partidas vinculadas cos sectores produtivos estratéxicos, como o primario e o turismo
Lugo, 28 de novembro de 2023. A Deputación de Lugo aprobou este martes no Pleno os Orzamentos do ano 2024, que, con máis de 116M€, suporán máis servizos públicos e máis dinamismo económico para a provincia, sobre todo no rural, e demostran que “é posible outro modelo de xestión e outro Goberno para Galicia, con diálogo, lealdade e recursos para os concellos”. Así o manifestou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, no debate plenario celebrado esta mañá, durante o que subliñou que o presuposto sube un 5,32%, grazas aos fondos que o Executivo provincial conseguiu da Unión Europea.
A Deputada incidiu en que son uns orzamentos “realistas e útiles”, por tres motivos principais: “aprobámolos en tempo e forma para que entren en vigor a primeiros de ano”; “servirán para achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, e para promover a actividade económica vinculada aos sectores estratéxicos da provincia, factores esenciais para fixar poboación no noso rural”; e “continuaremos coa política de feitos, grazas á que executamos unha media anual do 85% do gasto”.
Ademais, explicou, son uns presupostos “expansivos” porque suben os investimentos reais nun 45% e as transferencias correntes en preto dun 3%; e “profundamente sociais”, en tanto que as políticas sociais concentran un terzo do total dos fondos previstos, ata alcanzar os 38M€, o que supón un 3% máis ca neste ano.
“Un esforzo investidor enorme, co que estamos facendo o que non fai a Xunta de Galicia na nosa provincia”, recalcou Mayra García Bermúdez, pois “incumpre o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia e non asume as competencias en servizos sociais, cargándollas á Deputación e aos concellos, sen transferirnos financiamento”.
Por iso, entre outras moitas medidas, asegurou, a institución provincial “ten que despregar e manter unha rede de residencias públicas para os nosos veciños e veciñas do rural, porque a Xunta non o fai, nin tampouco colabora”.
11M€ para os centros de atención a maiores e 3,4M€ para o SAF
Así , nos Orzamentos do 2024 a Deputación dedica preto de 11M€ para os 9 centros de maiores que ten en servizo –6 deles abertos no pasado mandato-, e continuar cos proxectos comprometidos. Como xa adiantou o Presidente, José Tomé Roca, a previsión é poñer en marcha neste mandato as residencias da Pontenova e de Guitiriz.
“Avanzamos con paso firme e seguro”, abundou a Deputada de Economía, “o que non fai a Xunta de Galicia, que leva case 15 anos sen abrir nin unha soa residencia pública, e tampouco prevé facelo porque a que se abrirá en Lugo é de Amancio Ortega e, en todo caso, prevén privatizala”.
A maiores, os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia –todos, menos a capital- non poderían prestar o Servizo de Axuda do Fogar (SAF) coa inmediatez que precisan, se non fora porque a Deputación soporta gran parte do financiamento, que no ano 2024 estará en torno aos 3,4M€. A institución mantén así mesmo a teleasistencia domiciliaria as 24 horas, “outro servizo esencial para as familias”.
O Goberno provincial renova seu “apoio ao labor fundamental do tecido social vinculado co terceiro sector” con partidas que suman 1,3M€, explicou García Bermúdez, que, en políticas sociais, tamén destacou a creación no antigo hospital de San Rafael, en Castro de Rei, do que será o primeiro Centro de Acollida de Protección Internacional de Galicia. Un proxecto froito da colaboración da Deputación co Goberno do Estado, que terá “un retorno económico moi importante para a provincia”, cun investimento de 12M€ e a creación de 25 empregos directos e 45 indirectos.
A Deputación desenvolverá no 2024 o programa E Para Vivir… a Provincia de Lugo, para “afrontar o reto demográfico”, sinalou a Deputada, con medidas de apoio integral ás persoas que decidan irse a vivir ao rural; axudas ao alugueiro de vivenda; e apoio para a diversificación de cultivos.
O vindeiro ano, as políticas de emprego contarán con 4M€ para favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación; educación, con preto de 3M€, tanto para o Centro de Formación Audiovisual da Deputación -o único público desta rama na provincia-, como para o apoio á Universidade pública; os recursos para as políticas vinculadas coa igualdade suben un 10%; Deportes chega aos 4,8M€; Cultura, aos 5M€; e Artesanía e Deseño, a 1,44M€.
Sube o plan de cooperación cos concellos
O Goberno da Deputación sube o plan de cooperación cos Concellos ata os 21.750.000€, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais, seguindo criterios públicos e obxectivos, e cun respecto total á autonomía municipal”, expuxo Mayra García Bermúdez.
“Afianzamos así o peso deste plan nos presupostos. Un nivel de compromiso cos concellos que non ten parangón na Xunta de Galicia -pois non conta cun Plan Único, e mantén o Fondo de Cooperación Local nun raquítico 1,1% do total do seu presuposto-; nin tampouco nas deputacións de Ourense -que se apunta a esta medida, pero queda moi por debaixo desta institución-, e de Pontevedra -que recorta os fondos en máis dun 21%-”, afirmou.
Ademais de incrementar os fondos do plan de cooperación, a Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica a todos os municipios que así o requiren en materia xurídica, urbanística, en xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación, entre outras cuestións, co que “aforran miles de euros e gañan eficacia”, e, de cara ao 2024, como reforzo de todo ese apoio, proporcionará gratuitamente aos 52 concellos que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC equipamentos e servizos tecnolóxicos que lles permitirán avanzar na transformación dixital e mellorar así os servizos que prestan á veciñanza, grazas aos 4,5M€ que conseguiu da Unión Europea.
Todo isto “fai que a día de hoxe a Deputación sexa unha Administración esencial para os concellos, sen a que moitos non poderían ofrecer nin os servizos máis básicos aos seus veciños, porque non contan co apoio necesario da Xunta de Galicia, que os afoga a competencias, e non transfire financiamento”, subliñou a Deputada de Economía.
Máis fondos para estradas provinciais e locais
Como “un dos piares dos Orzamentos”, explicou, o investimento na mellora da mobilidade medra un 11% no ano 2024, ata alcanzar os 20M€, tanto para obra nova, como para conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil, en estradas provinciais e municipais.
Dende o inicio do anterior mandato, destacou García Bermúdez, o Goberno da Deputación foi incrementando progresivamente as partidas para a rede viaria provincial e local, pasando dos pouco máis de 14M€ que había no 2019 aos 20M€ do 2024, o que supón unha suba dun 42% en 5 anos. “Un investimento”, matizou a Deputada, “que podería ser moito maior se a Xunta asumise as súas competencias en políticas sociais, e tamén se se fixese cargo das estradas con características claramente autonómicas. Así poderíamos liberar máis fondos para estradas”.
Incremento das partidas vinculadas cos sectores estratéxicos
O apoio aos sectores produtivos gaña peso nos Orzamentos do 2024, e increméntanse nun 7,6%, ata chegar aos 11,3M€, as partidas para sectores estratéxicos, como o agrogandeiro, forestal e do mar, a economía verde, o comercio, a hostalería e o turismo.
No caso do sector primario, os fondos ascenden a 3,5M€, dos cales 2 son para a Granxa Gayoso Castro, “un centro que sitúa á Deputación como referente en políticas públicas en apoio da gandería en Galicia”, recalcou a Deputada, engadindo que as accións para poñer en valor o patrimonio natural e converter esa riqueza nunha oportunidade de desenvolvemento a través da economía verde contarán con 3,8M€ e as iniciativas vinculadas co sector do turismo para consolidar un modelo de calidade, sostible, e desestacionalizado, que crea emprego e riqueza no rural, con 3M€.
Neste eido, a Deputación prevé arrancar as obras que restan do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, que “será un revulsivo para a zona e para a toda a provincia”.
Tamén potencia o programa Lugo Termal ofrecendo máis prazas que a propia Xunta; renovará o programa Coñece a túa Provincia, cun retorno económico de medio millón de euros dende o seu inicio; ou continuará coas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que este ano baterán récord cuns 60.000 viaxeiros, entre outras iniciativas.





















A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



