Foz, 30 de abril de 2024. A concelleira da Aula Universitaria da UNED en Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, dan conta da nova programación formativa do centro para o mes de maio. Presentan varias actividades para as que está aberta a inscrición. Anuncian que se trata nesta ocasión “de diferentes charlas, dúas presentacións de libros e unha actividade especial que pon o broche final a este curso: un roteiro interpretativo”.
Elena Martínez e Marta Muiña especifican que “o xoves 9 de maio levarase a cabo unha charla informativa sobre Mentalización e sensibilización da saúde mental, a cargo da Asociación Saúde Mental A Mariña. Vai dirixida a todos os públicos e especialmente ás familias do alumnado do IES de Foz, institución colaboradora na organización da conferencia e que albergará a actividade no seu salón de actos en horario de 18:30 a 20:00 horas. Ten como obxectivo primordial mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e a das súas familias, minimizando o estigma que supón padecer unha enfermidade mental, así como abordar as adiccións como un factor de risco claro no inicio e agravamento/mantemento das mesmas”.
Tamén explican que “do 13 ao 16 de maio terá lugar un ciclo de catro charlas informativas baixo o título Muller. Falamos claro, realizadas por catro profesionais: unha matrona, unha nutricionista, unha fisioterapeuta e unha psicóloga. Ten como obxectivo falar abertamente do corpo da muller e as cuestións relativas aos ámbitos directamente relacionados co xénero feminino. Desenvolverase de luns a xoves de 18:00 a 20:30 h na aula universitaria.”
O venres 10 de maio a focega Natalia Alonso presentará o seu segundo libro, Advertencias para un traxecto boreal, galardoado co Premio de Poesía Filomena Dato 2022. Será ás 20:30 horas na Biblioteca Municipal Salgado Toimil. “Esta actividade inaugura unha colaboración entre as dúas entidades, a UNED e a Biblioteca Municipal, que a partires de agora van realizar as presentacións de libros de forma conxunta e colaborativa”, comenta Muiña, coordinadora da Aula, ao que Elena Martínez, concelleira da mesma, engade: “pensamos que sería interesante albergar as diferentes actividades deste tipo nas instalacións da casa da cultura, tanto no Salón de Actos como na Biblioteca Municipal. Tanto é así que repetirán sesión uns días despois servindo de altofalante nesta ocasión a Rosalía GT, autora ribadense que nos trae consigo Unha pedra no zapato, un libro de autocoñecemento e reflexión, feminista e en galego. Terá lugar tamén na biblioteca, o mércores 15 de maio ás 19:30 horas”. Muiña invita aos autores e autoras a dirixirse á Aula Universitaria da UNED de Foz en caso de querer presentar as súas obras “tal como fixo Rosalía, que nos contactou explicándonos os detalles do seu libro e mostrando o seu interese por facer esta actividade con nós”. A concelleira, moi comprometida co labor cultural, tamén indica: “ás veces non chegamos a todos e está ben que se nos recorde o que hai feito, para estudalo e se é posible presentalo á veciñanza”.
Muiña séntese especialmente ilusionada coa actividade final que programan para finalizar este curso 23-24, o primeiro no que está á fronte da Aula Universitaria. Explica que “desta volta a actividade leva o meu selo persoal xa que se buscou conxugar natureza e aprendizaxe, e por iso se pensou nun roteiro interpretativo pola nosa zona de proximidade”. Propoñen unha ruta guiada pola zona da ría de Foz, de 3 quilómetros de distancia e de dificultade baixa para o día 27 de maio, con saída ás 18:00 hoas da UNED. “Trátase de percorrer unha zona que xa coñecemos, pero observándoa baixo o prisma dun profesional que nos guiará no descubrimento”, explica a concelleira da Aula, que aproveita para “invitar a todas e todos a participar, xa que é unha actividade gratuíta, doada e moi interesante”. O responsable que vai guiar a ruta será Pedro Rolle, veciño do Valadouro e axente de medio ambiente. “É a persoa máis axeitada para guiar esta experiencia, conta cunha ampla experiencia como guía e é un especialista na flora da nosa zona”, subliña Muiña. Martínez Pena engade: “agardamos que esta sexa só a primeira das experiencias formativas que vivamos xunto a Rolle, xa que temos outras ideas en mente para levar a cabo no vindeiro curso”.
A maior parte destas actividades poden realizarse de maneira presencial e online, en directo e en diferido. Para obter máis información pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982.133.699, no WhatsApp 604.034.549 ou por correo electrónico foz@lugo.uned.es.
Elena Martínez adianta que “nos vindeiros meses seguiremos traballando para programar a oferta formativa do novo curso, unha oferta variada e dirixida a distintos públicos, atendendo sempre ás necesidades e os intereses mostrados”.
Dende a Coordinación, Muiña recorda que seguen inmersos no ciclo de presentacións da aula universitaria, xa tendo celebradas varias charlas informativas en Foz e en Burela, e invitan a que se soliciten, tanto na aula como no concello, estas sesións informativas por parte de quen teña interese en coñecer os servizos e recursos que dende UNED Foz se ofrecen.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



