A Xunta de Goberno acordou este venres obras para renovar catro estradas provinciais ao seu paso por Friol, Outeiro de Rei, Begonte, Cospeito, Lugo, Guntín e Paradela, ademais de adxudicar por 1,2M€ os traballos de desbroce en 34 concellos da provincia
Lugo, 31 de maio de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos de máis de 2,2M€ para continuar mellorando a mobilidade na provincia, sacando adiante actuacións para renovar a rede viaria provincial e tamén para o seu mantemento. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión deste venres.
En canto aos proxectos en estradas, explicou que son catro as vías provinciais que se verán beneficiadas, que discorren polos concellos de Friol, Outeiro de Rei, Begonte, Cospeito, Lugo, Guntín e Paradela.
Por unha banda, aprobouse a adxudicación das obras de acondicionamento dun novo tramo do Cinto Comarcal, a LU-P-1611, ao seu paso por Friol, Outeiro de Rei e Begonte por un importe de algo máis de 700.000€. Os traballos afectarán ao treito que vai dende o punto quilométrico 49 ao 57, e teñen un prazo de execución de 3 meses, pero a empresa adxudicataria comprometeuse a telos rematadas en 5 semanas. Consistirán na limpeza de cunetas, drenaxe, pavimentación e sinalización correspondente.
“A Deputación leva dedicados máis de 3,3M€ ó Cinto Comarcal de Lugo dende que José Tomé Roca é Presidente desta institución, o que demostra ben o esforzo investidor enorme que está facendo esta institución provincial na mellora e conservación desta estrada. É importante lembrar que o Cinto Comarcal conta con 131 quilómetros de lonxitude, que, polas súas características, debería ser de titularidade da Xunta de Galicia, como xa temos reivindicado en moitas ocasións”, afirmou a Deputada.
En Cospeito, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras de mellora na LU-P-1702, que vai dende Feira do Monte a Fontefría polo Pino, cun investimento de preto de 92.500€. Nesta estrada renovarase o treito que vai dende o inicio da vía ao quilómetro 1,365. O prazo de execución é de 2 meses, pero a empresa que vai realizar estes traballos comprometeuse a telas rematadas en 3 semanas unha vez comecen.
Por outra banda, tamén saíu adiante a adxudicación de obras de mellora na estrada provincial que une Lugo con Guntín, a LU-P-2913, cun investimento de 192.000€. As tarefas afectan ao treito que vai do quilómetro 4,3 ao 8,2, dende Coeses a Terlama, e contemplan a limpeza de laterais e obras de drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización. O prazo de execución é de 2 semanas unha vez comecen as obras.
O cuarto proxecto que quedou adxudicado consiste na renovación dunha estrada provincial ao seu paso polo termo municipal de Paradela. Trátase da LU-P-4202, entre Pacios e Currelos por Aldosende, entre os puntos quilométricos 3,5 e 5, cun investimento de case 80.000€. Os traballos consistirán na drenaxe, a pavimentación e a sinalización. O prazo de execución é dun mes.
Traballos de roza nas estradas
Por outra banda, na Xunta de Goberno de hoxe déuselle o visto bo á adxudicación, por máis 1,2 millóns de euros, dos traballos de desbroce de estradas provinciais ao seu paso por 34 concellos.
En concreto, trátase das tarefas correspondentes con 11 lotes do contrato, que son os que afectan aos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Ourol, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Begonte, Baleira, Baralla, Láncara, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, O Páramo, Paradela, Sarria, Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón e Sober.
A duración do contrato é de dous anos, con posibilidade de prórroga por un ano. “Este contrato para acometer os desbroces da rede viaria provincial está dotado con máis de 3M€ e está dividido nun total de 24 lotes, dos que hoxe adxudicamos 11, hai un par de semanas outros 5, e nas vindeiras semanas adxudicaremos os restantes”, lembrou a Deputada.
Premios á excelencia turística
Nesta reunión, o Goberno deu o seu visto e prace á convocatoria e ás bases da quinta edición dos premios á excelencia do turismo e da gastronomía da provincia de Lugo, de novo con tres categorías: Premio Lugo Cambia ao turismo lucense, Premio Turismo Sostible, e Premio …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Nos vindeiros días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e abrirase o prazo para a presentación de candidaturas.
García Porto expuxo que “estes galardóns, creados no seo do Consello Provincial de Turismo, son unha medida máis que promovemos para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da nosa provincia”. Así mesmo, a Deputada detallou que se poden presentar persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica.
As candidaturas poderán presentarse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata. O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará ata un máximo de tres premios nas categorías Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, respectivamente, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. A maiores, o xurado poderá propoñer ata un máximo de tres accésits en total.
Na valoración das candidaturas terase en conta a aportación da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.
Os galardóns serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo. Como nas edicións anteriores, os premios consistirán nun diploma acreditativo e nun agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.
Investimentos en Guitiriz
Acordouse hoxe tamén unha colaboración co Concello de Guitiriz a través do que a Deputación aporta preto de 90.250€ para realizar varias actuacións neste municipio chairego. Un investimento que, por unha banda, servirá para acondicionar vías, camiños e pistas municipais en Labrada, San Salvador, Buriz, Villares, Soexo, Caivanca e Paderna, ademais de mellorar a Ponte sobre o Rego de Porto Corga en San Mateo, na parroquia de Labrada.
Pola outra banda, contémplase realizar unha ampliación dos puntos de luz en varias redes de alumeado público, canalizar a liña de baixa tensión e adquirir un robot cortacéspede. E, unha terceira liña de actuación que recolle este acordo, consiste na promoción turística da localidade como Vila Termal.
Admitidos no Coñece a túa provincia
Aprobada a listaxe provisional das 80 entidades admitidas no programa Coñece a túa provincia, dos 222 colectivos que se incorporan á lista de agarda e das 11 propostas para desestimar.
A Deputada salientou o éxito da iniciativa, que recibiu máis de 310 solicitudes. “Puxémolo en marcha para fomentar o turismo de proximidade na provincia e favorecer a actividade económica no sector turístico, no comercio e na hostalería, e mantémolo pola boa acollida que ten, tanto pola xente que fai as viaxes, como polo propio sector”, asegurou.
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato para o mantemento e reparacións dos vehículos da Deputación cun orzamento de 22.990€. O contrato é por un ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais.
Ademais, déuselle o visto bo ó contrato para subministrar o gas natural nas dependencias da Deputación en base a un acordo coa Federación Española de Municipios e Provincias. Adxudícaselle á empresa Gas Natural Comercializadora S.A. por case 109.000€ para un ano.
Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Finalmente, na Xunta de Goberno quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de cinco subvencións, por un importe conxunto de case 30.000€, a outras tantas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo.
As beneficiarias son: a Comunidade de Montes de San Julián de Gaibor, de Begonte, que recibe 6.000€ para o arranxo dunha pista de monte veciñal; a Comunidade de usuarios de Chaovillarín, de Cervantes, recibe 6.000€ para a mellora da captación e reparación de abastecemento de auga; a Comunidade de Montes de Cumbraos, en Monterroso, percibe 6.000€ para a mellora da captación e a reparación do abastecemento de auga; a Comunidade de Montes Sierra Mirandela, Paleira Arriba, Salvaranes e Caxigueira, de Castroverde, percibe 6.000€ para o axardinamento e rehabilitación do muro antigo da igrexa; e a Comunidade de Villaouruz, da Pontenova, recibe 5.699,36€ para a colocación dun canalón e as baixantes, e o encintado de fachadas exteriores do local social.
O obxectivo da Deputación con este programa é apoiar aos colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.
















Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.



