A Xunta de Goberno acordou este venres licitar obras na LU-P-5713, que une Sarria con Piñeira, cun orzamento de máis de 113.000€; e ao paso polo municipio vilalbés a LU-P-6516, que conecta Piño con Rilleira polo Outeiro, con 91.000€
Lugo, 10 de maio de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de dúas novas obras en estradas provinciais, neste caso ao seu paso polos concellos de Sarria e de Vilalba cun investimento conxunto de máis de 200.000€. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que este paso adiante responde á liña de traballo do Executivo, “que ten como un dos obxectivos prioritarios mellor a mobilidade no conxunto da provincia”.
No caso de Sarria, a Deputación vai mellorar a LU-P-5713, que une Sarria con Piñeira, cun orzamento de máis de 113.000€. Vanse arranxar os dous primeiros quilómetros dende o inicio da vía, cun prazo de execución de 3 meses. No caso de Vilalba, a institución renovará a LU-P-6516, que une Piño con Rilleira polo Outeiro, entre os quilómetros 0 e 4,3, cun orzamento de licitación de preto de 91.000€. O prazo de execución é de 2 meses. Nos dous casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a pavimentación e a sinalización vertical.
O Coñece a túa provincia bate récords
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a adxudicación do contrato para o desenvolvemento das viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia á empresa Agrupación de Transportes de Viajeros S.A. por 434.000€. O contrato ten vixencia ata o 31 de decembro de 2025, con opción a tres prórrogas anuais.
A Deputación puxo en marcha este programa co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade na provincia e favorecer a actividade económica no sector turístico, no comercio e na hostalería.
Precisamente, onte mesmo abriuse o prazo para que as entidades asociativas da provincia solicitasen participar nesta edición e xa se esgotaron as prazas”, avanzou a Voceira socialista do Goberno.
García Porto salientou que “en apenas 3 horas dende a apertura do Rexistro, xa se rexistraran máis solicitudes que as 1.840 prazas dispoñibles, e hoxe mesmo, un día despois da apertura, un total de 212 asociacións presentaron a súa solicitude. Un dato que nos evidencia que é un programa que funciona, que cumpre os obxectivos e que lle gusta moito á xente”.
“Reeditamos, polo tanto, o Coñece a túa Provincia, que desde a súa creación hai xa tres anos tivo unha gran acollida e supón un revulsivo importante para a actividade social e económica da nosa provincia a través da promoción do territorio. Desde setembro do 2021, máis de 8.000 participantes de 358 asociacións xeraron un retorno económico estimado de máis de medio millón de euros”.
Aproveitando este asunto, a Deputada pediulle ao Partido Popular que “rectifique e que pida desculpas públicas por todas as mentiras e infamias que verteu contra esta institución e contra os seus empregados públicos en relación co proceso de contratación do programa Coñece a túa Provincia”. “Facendo gala das súas malas artes e indignidade política, o Partido Popular chegounos a acusar de manipular o proceso de adxudicación deste contrato para comprar vontades, cuestionando, polo tanto, o bo facer, o traballo xurídico e de fiscalización dos traballadores desta casa, ademais da súa imparcialidade absoluta”, apuntou.
O PP, lembrou, “tamén chegou a facer sinalamentos de persoas que non pensan coma eles, de empresas que non son do seu gusto, e que por iso atacan e descualifican, como se non tiveran dereito a traballar, nin a vivir. Acusacións moi graves, sen ningún tipo de veracidade, que o Partido Popular soltou alegremente nunha nota de prensa. Esta é a forma de actuar do PP”. García Porto foi firme e sinalou que é tempo de dicir “basta xa a esta maneira de facer política, ruín e sucia, e apostar claramente por unha rexeneración democrática, que cada vez é máis urxente”.
Contratos e vendas de parcelas industriais
A Xunta de Goberno acordou este venres adxudicar o contrato para o subministro de material de oficina para os distintos servizos da Deputación de Lugo á empresa Ramón Besteiro Hermida por un importe de 43.500€. O contrato ten unha duración dun ano con posibilidade de tres prórrogas anuais.
Tamén lle deu o visto bo á adxudicación directa dunha parcela do polígono industrial A Gándara de Friol. Trátase da parcela número 15, que adquire a empresa DFJ Salvi Industry S.L. por 33.412€. Desta forma, a día de hoxe, no polígono de Friol están vendidas 28 parcelas, das 55 existentes. Quedan libres 27.
Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Finalmente, na Xunta de Goberno quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de catro subvencións, por un importe conxunto de 24.000€, a outras tantas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. A Asociación de Veciños Ponte Soldón, de Quiroga, recibe 6.000€ para o arranxo da área recreativa; a Asociación de Veciños de Santa Mariña de Sequeiros, tamén de Quiroga, recibe 6.000€ para a segunda fase de arranxo dun camiño; a Asociación de Bendilló, igualmente no concello quirogués, percibe 6.000€ para obras menores na planta primeira do Centro Sociocultural; e a Asociación de Veciños de Vilamayor, en Monterroso, percibe 5.695€ para a reforma do local coa instalación dun aseo adaptado.
O obxectivo da Deputación con este programa e apoiar aos colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.





















A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



