Os populares instarán ao goberno provincial a realizar o mantemento das estradas provinciais ao seu paso por Riotorto e a que se realicen as melloras oportunas no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo para renovar os sistemas de climatización e de soporte audiovisual, así como estudar a posibilidade de aumentar o aforo do recinto
Lugo, 27 de maio de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá que a Deputación de Lugo cumpra cos seus compromisos e obrigas e active os mecanismos necesarios para dar asistencia aos maiores da provincia e para xerar economía e emprego e así favorecer o asentamento de poboación.
Neste senso, os populares esixirán o impulso dos trámites e xestións pendentes para iniciar de forma inmediata a construción do centro de atención a maiores de Folgoso do Courel. “É de xustiza que os veciños de Folgoso do Courel dispoñan deste servizo comprometido en 2015 polo goberno do Partido Popular, pero que, 9 anos despois, está paralizado; a pesar de que o Concello cumpriu coas obrigas adquiridas no convenio asinado coa Deputación de Lugo en agosto do 2018”, sinalaron.
“O último que puidemos saber sobre os avances para facer realidade a construción e posta en servizo deste centro foi en decembro do 2022 cando o goberno provincial trasladou nunha reunión coa alcaldesa a necesidade de revisar os prezos recollidos no proxecto para evitar que quedase deserta a licitación, como ocorreu noutros casos. Pero dende aquela tiveron tempo suficiente para revisar eses prezos”, explicaron, pero “non houbo novos avances e a data límite para a licitación, remate e recibimento das obras é o 26 de xullo de 2025”, segundo se recolle na segunda addenda ao convenio, polo que “urxe avanzar no procedemento para dar cumprimento a un compromiso adquirido formalmente entre dúas administracións”.
Tamén defenderán os populares unha iniciativa para crear dende a Deputación de Lugo un Plan de Impulso para a Ribeira Sacra. “No Partido Popular sabemos do potencial e das posibilidades desta zona da provincia e vemos necesario potenciar os seus recursos para dar solución aos retos actuais do sector turístico e vitivinícola en colaboración con outras administracións”.
“A Deputación ten un papel fundamental para poder afrontar estes retos, apoiando aos municipios da Ribeira Sacra, escoitando e dando solucións aos produtores e buscando apoios de todas as administracións afectadas como a Xunta de Galicia, o Goberno Central ou a Confederación Hidrográfica”, ao que engaden que “a Deputación non pode quedar atrás de novo sendo a única administración que non fai nada ao respecto dun proxecto vital como este para a provincia”.
ROGOS E PREGUNTAS
Os deputados populares tamén preguntarán no pleno se o goberno provincial ten pensado actualizar ou renovar os catamaráns que percorren a Ribeira Sacra para facelos máis sostibles e mellorar o seu servizo e se o goberno provincial ten pensado instar á Xerencia do Consorcio Provincial de Bombeiros a realizar as actuacións de mellora necesarias no parque de Barreiros así como atender as peticións destes profesionais para solucionar as deficiencias no material e nos vehículos.
Por outra banda, tamén se instará ao goberno provincial a realizar o mantemento das estradas provinciais ao seu paso por Riotorto e a que se realicen as melloras oportunas no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo para renovar os sistemas de climatización e de soporte audiovisual, así como estudar a posibilidade de aumentar o aforo do recinto.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



