A cita propón moita música da man do grupo Zona Zero, a orquestra Los Player´s, o Grupo Arizona e un concerto tributo a Dire Straits, ademais da tradicional procesión da man da asociación Mar de San Ciprián
Cervo, 9 de xullo de 2024. San Cibrao celebrará o próximo 15 e 16 de xullo as súas Festas na Honra da Virxe do Carme.
A cita, organizada polo Concello, foi presentada pola rexedora Dolores García Caramés, a concelleira Mali Méndez, os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, e por unha representación da asociación Mar de San Cibrao, que se encarga de organizar a procesión, de Mulleres de San Cibrao, que colabora coa decoración floral e de varios colaboradores da Festa e da asociación A Anxuela.
Os festexos arrincarán o luns 15, coa sesión vermú a cargo do Grupo Zona Zero, ás 14:00 horas.
Xa á noitiña, ás 21:00 horas terá lugar a tradicional procesión do Carme ata o peirao, organizada pola asociación Mar de San Cipirán e acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe.
A continuación será a verbena na Praza dos Campos co Grupo Zona Zero e a orquestra Los Player´s.
O día grande, o martes 16, a misa está prevista para as 12:00 horas, no peirao, cantada pola Coral Terramar, ao remate haberá unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos a cargo de Francisco Pernas.
A continuación será a procesión da Virxe ata a Igrexa Parroquial de Lieiro, organizada por Mar de San Ciprián, acompañada pola Banda da Misericordia.
Xa ás 14:00 horas será a sesión vermú co grupo Arizona que repetirá na verbena ás 22:00 horas, con Greats Straits, un concertó tributo a Dire Straits.
A alcaldesa quixo agradecer o esforzo e a implicación dos diferentes colectivos e veciños e veciñas que colaboran para facer posible a celebración desta Festa con tanto arraigo na nosa vila “que reforza esa identidade de vila mariñeira que caracteriza a San Cibrao, un pobo no que neses días se respira un especial sentimento festivo e de comunidade palpable en cada encontro familiar e entre amigos, e moi especialmente nese emotivo percorrido da Patroa polas rúas da vila engalanadas para a ocasión”.
A rexedora quixo convidar, do mesmo xeito, á veciñanza e visitantes a que desfruten destas dúas xornadas festivas coas que se pretende conectar con toda a sociedade, nas que a música, a diversión e os bos momentos entre a familia e os amigos están asegurados.






















Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocará esta tarde a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.



