Trabada, 25 de abril de 2025. As instalacións do CAM de Trabada acolleron este xoves unha celebración moi especial: o seu sexto aniversario. Ao acto asistiron o alcalde, Rubén García, e o concelleiro Pablo González, que quixeron acompañar ás persoas usuarias nesta data tan significativa.
Durante a celebración, os asistentes gozaron da actuación musical do grupo Sons de Celeiro, que puxo a nota alegre a unha xornada chea de emocións e bo ambiente.
O alcalde Rubén García destacou que “é un orgullo poder celebrar ano tras ano o aniversario deste centro e ver a implicación das persoas maiores, do persoal e da veciñanza neste espazo que é xa unha referencia no noso concello”.
Desde o Concello de Trabada agradecemos a todas as persoas que fan posible o día a día do Centro de Maiores e reiteramos o noso compromiso co benestar e a calidade de vida da nosa veciñanza máis veterana.