O Pleno acordou este martes reclamarlle ao Executivo galego que cumpra as súas competencias en materia de residencias e que das 24 comprometidas polo Presidente Rueda, a provincia de Lugo reciba como mínimo a parte proporcional de seis centros
Lugo, 27 de maio de 2025. O Pleno da Deputación de Lugo acordou este martes reclamar á Xunta de Galicia que asuma o seu compromiso coa atención ás persoas maiores da provincia tras 15 anos de abandono. Na sesión ordinaria do mes de maio celebrada esta mañá púxose de manifesto que é a institución provincial a que está a cubrir as necesidades do territorio en materia de residencias e nese sentido, os grupos políticos acordaron demandar ao Goberno galego que se faga cargo das súas responsabilidades nesta materia. A iniciativa do Goberno saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.
En referencia ás 24 residencias que anunciou o Presidente da Xunta, o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reclamou antes da sesión plenaria que se destinen “como mínimo” seis centros á provincia, que son os que lle correspondería por criterios de proporcionalidade territorial. Apuntou ás declaracións de Rueda para criticar que a provincia de Pontevedra vaia a ser a maior beneficiaria dese reparto, explicando que “a provincia Lugo ten menos poboación e polo tanto interesa menos ás empresas privadas. As Administracións temos que chegar onde non chegan as empresas privadas, e garantir a igualdade de oportunidades e servizos aos cidadáns con independencia de onde residan”. Propuxo ademais a colaboración institucional para coordinar a situación das novas residencias na provincia, para atopar os concellos máis axeitados e onde poidan prestar un mellor servizo.
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, lembrou que “Galicia está á cola do Estado en canto a prazas públicas en residencias de maiores, cunha porcentaxe do 41%, fronte a unha media estatal que supera o 60%, e cun déficit estimado de 14.000 prazas”, segundo os informes da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. “Somos nós, os gobernos progresistas, os que estamos a atender as demandas dos concellos e dos nosos maiores, cubrindo as carencias da Xunta de Galicia en materia asistencial”, subliñou. Incidiu que nos últimos anos a Deputación abriu nove residencias nos concellos da Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Trabada, Castroverde, Ribadeo, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, “achegando máis de 300 prazas públicas, mentres que o Goberno galego non incorporou ningunha”. Indicou a Deputada na súa intervención que Rueda aposta por seguir o modelo provincial: centros de pequeno tamaño, próximos ao lugar de residencia das persoas usuarias, “algo que garante a súa calidade de vida e facilita a conciliación das súas familias”.
“Seis meses esperando por unha cita” en Saúde Mental
O Pleno tamén sacou adiante, malia os votos en contra do PP, unha moción socialista instando á Xunta a garantir a atención ás persoas con problemas de saúde mental. “Hai 1.000 lucenses que levan máis de 6 meses esperando por unha cita co especialista, son dous terzos do total dos pacientes galegos en longa espera”, sinalou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen defendeu a iniciativa na que reclama ao Goberno galego máis persoal, investimentos e a redución das listas de agarda.
Indicou que, en decembro do ano pasado, “en Galicia había 9.390 persoas agardando por unha primeira consulta de saúde mental, cunha media de espera de 87 días, o dobre que antes da pandemia”. Segundo explicou García Porto, na provincia de Lugo a situación é aínda máis crítica, tanto pola elevada taxa de suicidios -16 casos por cada 100.000 habitantes- como pola limitada dispoñibilidade de recursos, xa que, aclarou, “a provincia só dispón de tres centros de atención en saúde mental, que están situados en Lugo, Monforte de Lemos e Burela”.
O texto da moción aprobada reclama ademais que a Xunta garanta os investimentos comprometidos no Plan de Saúde Mental de Galicia; impulse a contratación de psicólogos clínicos e persoal de apoio para reforzar os Centros de Saúde Mental; e adoite medidas para reducir as listas de espera, incluíndo a posta en marcha dunha liña de atención rápida para os casos máis graves, especialmente aqueles con risco potencial de suicidio.
Cambio de titularidade da LU-P-1808 en Chantada
O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, a cesión de cambio de titularidade da estrada provincial LU-P-1808, a petición do Concello de Chantada. A cesión afecta a un treito de 375 metros da vía, que é a que vai da N-540A a Quinteliña, na parroquia de San Salvador de Asma. Trátase dun treito lasificado como solo urbano en medio rural.
Para que a cesión sexa efectiva, agora deberá ser aprobada tamén no Pleno do Concello de Chantada e, posteriormente, ratificada pola Xunta. A transferencia efectuarase mediante decreto publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), e será efectiva ao día seguinte da súa publicación. Unha vez aprobada definitivamente, o cambio de titularidade formalizarase mediante a correspondente acta de entrega entre a Deputación e a entidade local.