A veciña de orixe senegalesa visitou o IES Monte Castelo e o IES Perdouro para compartir co alumnado a súa experiencia de vida, nunha actividade promovida pola Concellería de Inmigración e Cooperación
Burela, 21 de maio de 2025. O Concello de Burela continúa co programa de charlas de sensibilización e educación intercultural protagonizadas por Alimatou Niang Ep Sarr, veciña da vila e de orixe senegalesa. Despois da súa visita ao CEIP Os Castros e ao CEIP Vista Alegre a finais de abril, esta semana foi a quenda dos centros de secundaria: o IES Monte Castelo e o IES Perdouro.
A actividade, organizada pola Concellería de Inmigración e Cooperación, enmárcase dentro do programa municipal de atención á poboación inmigrante. Ao longo da sesión, Alimatou compartiu co alumnado a súa historia persoal, abordando temas como a adaptación a unha nova cultura, os retos da migración, e os valores da integración e do respecto mutuo.
No IES Monte Castelo, a charla estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO, mentres que no IES Perdouro participaron estudantes de ciclos formativos e do programa de diversificación curricular (ESO-PDC).
“Queremos seguir achegando ás aulas experiencias reais que axuden ao alumnado a comprender mellor a realidade da diversidade. A historia de vida de Alimatou é un exemplo claro de superación e integración que achega valores fundamentais ao contorno educativo”, explica Mario Pillado, tenente da alcaldesa.
Esta acción forma parte dunha actividade de mediación social e/ou intercultural, incluída no programa dirixido á inclusión social da poboación inmigrante. O programa está financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.