Foz, 16 de maio de 2025. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo este xoves, día 15, unha reunión de traballo co Xefe Provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez Fernández, e a presidenta e o vicepresidente da Asociación de Autoescolas de Lugo, Mónica Pérez Pérez e José Soto Peña.
O rexedor municipal indica: “dende o pasado ano 2024 estamos en conversas coa xefatura provincial da Dirección Xeral de Tráfico. Para nós é moi importante que Foz se consolide como un centro de referencia para a obtención dos permisos de conducir, evitando desprazamentos innecesarios a Lugo. O convenio que se propón entre o Xefatura Provincial de Tráfico e o Concello de Foz vai beneficiar ás nosas veciñas e veciños, xa que poderán seguir sacando o permiso de conducir no Concello, nunhas instalacións renovadas”.
O borrador de convenio, que o alcalde presentará á corporación municipal, “establece un marco de colaboración no cal a Xefatura Provincial de Tráfico se compromete a realizar polo menos unha vez ao mes as probas do exame de conducir nunha aula que debe adecuar o Concello, equipándoa dos medios informáticos necesarios. A Dirección Xeral de Tráfico está a mudar o papel por exames informatizados. Isto vai permitir coñecer de forma inmediata os resultados, o que supón un beneficio evidente para todos aqueles que se presenten ás probas”, explica Fran Cajoto.
O Xefe Provincial de Tráfico, Alberto Rodríguez, agradeceu “la gran disponibilidad que ha mostrado tanto el Ayuntamiento como el alcalde para la informatización del aula y la realización de proyectos futuros”.
A presidenta da Asociación de Autoescolas de Lugo, Mónica Pérez, destacou “la disposición del Ayuntamiento de Foz en la informatización del aula, que no sólo dará un servicio a los habitantes del municipio de Foz sino de toda la Mariña”.
O vicepresidente da Asociación, José Soto, salientou, como delegado na comarca, “o agradecemento ao Concello de Foz por un servizo ao pobo que se estende a toda a costa de Lugo. Foi unha reunión máis que positiva”.
Na reunión tratáronse tamén futuras accións de colaboración da Asociación de Autoescolas co Concello de Foz, apoiándose nas instalacións de seguridade viaria que hai no peirao. Outro tema a tratar foi o perigo do alcohol e substancias estupefacientes ao volante e as posibles campañas para incidir nunha condución segura.