O episodio, dedicado á cantareira Concha de Agrade, está dispoñible desde hoxe na plataforma Spotify
Lugo, 20 de maio de 2025. Tras a súa estrea o pasado domingo en A Grade, en Chantada, a Vicepesidencia da Deputación de Lugo pon a disposición de todo o públicoo primeiro episodio da serie de podcast Folcast sobre oralidade e música tradicional na provincia de Lugo.
O capítulo ten como protagonista á cantareira Concha Casal Eiriz, Concha de Agrade, veciña desa parroquia chantadina e unha das informantes de Dorothé Shubarth para a elaboración do Cancioneiro Popular Galego.
A peza sonora conta coa participación do seu fillo, Suso do Rei, da interprete e investigadora Alba María, da técnico do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo Pobo Galego Isabel Vigo e da etnomusicólogo Xulia Feixóo. Tamén coas achegas musicais de Pedro García de Pan Sen Fron, de Antía Vázquez de Alana e da poeta Noa Moreira.
Trátase do primeiro de dez episodios que percorrerán as distintas comarcas da provincia atendendo ás particularidades da oralidade existentes en cada lugar, mantendo unha estrutura baseada en entrevistas para ofrecer unha ollada plural e entendendo o coñecemento como unha construción colectiva.
O episodio está dispoñible no perfil de Folcast en Spotify, ao que se pode acceder tamén desde o perfil de Instagram @folcast_radio, onde tamén se irán subindo outros contidos.