Foz, 7 de maio de 2025. Queremos Galego presentou esta tarde en rolda de prensa a manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela, o 17 de maio ás 12h, e rematará na Praza do Obradoiro, onde está previsto rematar cunha gran foliada pola lingua. “Será unha homenaxe masiva á lingua e a cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras”, afirmou a coordinadora da plataforma na Mariña, Mónica Pazos, “resistindo a todos os intentos de apagala”.
Queremos Galego fai un chamamento ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega da Mariña a participar na grande foliada pola lingua e anima a todas as persoas que participen na manifestación a traer as súas pandeiretas. A música de Lingua vital xa! tomará de novo as rúas de Compostela. “Fronte aos enganos e mentiras da Xunta para manter a exclusión do galego e o desmantelamento da súa oficialidade”, advertiu Pazos, “mostraremos cantando e bailando, a forza do pobo galego e da súa lingua”.
Haberá autobuses desde A Mariña a un prezo de 10 euros. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos 982 581861, 982 140654 ou por whatshap no 605377317.