As mariñás foron superiores no primeiro tempo, marcharon ao descanso cunha renda de tres goles e souberon sufrir na segunda entrega
Burela, 31 de maio, 2025. O conxunto feminino do Burela FS sumou o primeiro punto da semifinal do play off polo título da liga Iberdrola FS diante do Futsi Atlético Navalcarnero (4-2) en Vista Alegre. As mariñás cimentaron a súa vitoria nun gran primeiro tempo, no que foron superiores ás madrileñas e marcharon ao descanso cun claro 3-0. No segundo melloraron as atléticas, que lograron dous goles en apenas medio minuto no arrinque do mesmo e despois puxeron en apertos a un cadro laranxa que terminou sentenciando no último minuto por mediación de Emilly.
O Burela FS desarbolou por completo no primeiro tempo a un Futsi que mostrou unha ou dúas marchas menos que as mariñás a nivel de intensidade e sufriu en exceso para deter as acometidas de estas, que saltaron á cancha verde coa intención de dominar desde o primeiro minuto. Froito diso, as discípulas de Julio Delgado adiantáronse xa no minuto 3 cun gol de Patricia. A de Yecla recibía no corazón da área un bo balón de Cami e non perdoaba ante Raquel.
Co Burela por diante, o segundo estivo a piques de chegar nunha acción rápida de Antía Pérez no minuto 7, pero Raquel conseguía nesta ocasión deter o disparo da futbolista laranxa. Non o faría dous minutos máis tarde ante Débora. A portuguesa, practicamente na súa primeira aparición no partido, finalizaba nunha posición escorada un contragolpe. A meta navalcarnereña tocaba o balón, pero non conseguía desviar o suficiente o disparo. Previamente, Marian tivera o empate para as visitantes, pero o seu disparo desde uns 11 metros íase ao pau.
Tras o 2-0, o Futsi tentaba sacarse a presión de encima e estiraba as súas liñas, conseguindo durante algúns minutos que o balón estivese máis en campo burelés que no seu propio, pero sen armar ocasións de demasiado perigo sobre o marco defendido por Caridad. Mentres, as locais tentábano agora ao contragolpe e nun deles tivo o terceiro da mañá Cami, pero o seu remate no segundo pau era taponado por unha rapidísima Laura Córdoba.
O terceiro tanto laranxa chegaría finalmente a través da estratexia, nun saque de esquina tras o que Antía Pérez conectaba unha sensacional volea que se lle coaba entre as pernas a Leti e ante o que nada podía facer Raquel para evitar o gol. Co 3-0 no electrónico, o Futsi apostaba polo xogo de cinco con Laura Córdoba portando a camiseta de porteira. A propia Laura Córdoba tería a única ocasión de mérito das madrileñas, nun disparo desde dentro da área que detiña Caridad. As burelesas defendíanse ben e a dous segundos do descanso tiña o cuarto Emilly, pero o seu lanzamento desde campo propio atopábase co pau dereito da portería atlética.
Tralo paso polos vestiarios mellorou o conxunto visitante e atopouse con dous goles no minuto 24 que cambiaron por completo o decorado do partido e puxeron en moitos apuros ao conxunto de Julio Delgado. As navalcarnereñas pegaban primeiro cun balón en longo de Ari que non lograba cabecear Patri e isto despistaba a Caridad, que non conseguía chegar ao balón. Poucos segundos despois chegaba o segundo das visitantes nunha boa triangulación entre Ari, Anita Luján e Patri que resolvía esta última no segundo pau cun tiro que tocaba Caridad, pero non o suficiente para evitar o tanto.
O partido volveuse tolo e o Burela perdeu o control do mesmo, que tivera durante os primeiros 24 minutos, e as oportunidades sucedíanse para ambos os equipos. Patricia, nunha boa acción de pívot, buscaba o cuarto, pero o seu disparo era repelido por Raquel cunha boa perna. Acto seguido era Leninha a que dispara sobre o marco de Caridad e a de Sanlúcar de Barrameda tapaba en dous tempos. Despois era Dinha a que no ecuador da segunda entrega finalizaba cun remate pegado á base do pau que sacaba Raquel.
O último cuarto de partido depararía moita emoción. Caridad volvía aparecer para realizar un paradón nun lanzamento peligrosísimo de Irene Córdoba desde a frontal e posteriormente respondía para as locais Patricia, que se atopaba co pau tras un saque de falta de Emilly. A cinco minutos da conclusión era Dany a que sacaba baixo paus un balón que se ía para dentro despois dunha falta perigosa das branquivermellas. O rexeite non era aproveitado por Marian, que cruzaba demasiado ante a meta laranxa.
Nos últimos minutos apostaría Futsi polo xogo de cinco e aí de novo defendíase moi ben o cadro local, que tería varios lanzamentos desde campo propio para sentenciar o choque. Con todo, as que máis preto estiveron do tanto foron Anita Luján, cun disparo cruzado que se ía moi pouco, e Laura Córdoba que, cando xa celebraba o empate, vía como Caridad era capaz de tapar de forma case milagrosa o seu remate no segundo pau.
A sentenza chegaría xa dentro do último minuto a través da mellor do mundo. Emilly recibía un bo balón de Dany ás costas da zaga madrileña e definía con moita tranquilidade e calidade diante de Raquel para levar o xúbilo ás bancadas de Vista Alegre. O primeiro punto quedaba na casa e o segundo poñerase en xogo o vindeiro martes en Navalcarnero (La Estación, 21:30 horas, Teledeporte)
Ficha Técnica Burela FS 4-2 Futsi Atlético Navalcarnero
Burela FS (4): Caridad; Cami, Dinha, Emilly, Dany -quinteto inicial-, Patricia, Antía Pérez, Noelia Montoro, Carolina Pedreira, Cilene e Débora.
Futsi Atlético Navalcarnero (2): Raquel; Laura Córdoba, Anita Luján, Leti, Irene Córdoba -quinteto inicial-, Ari, Marian, Patri e Leninha.
Goles: 1-0, min. 3: Patricia. 2-0, min. 9: Débora. 3-0, min. 17: Antía Pérez. 3-1, min. 24: Ari. 3-2, min. 24: Patri. 4-2, min. 40: Emilly.
Árbitros: Paula Álvarez Nogueiro e Sergio Toral Heredia (Colexio de Castilla y León). Amoestaron ao técnico local, Julio Delgado, así como á súa futbolista Carolina Pedreira. Tamén viron o cartón amarelo as visitantes Patri, Marian e Leninha.
Incidencias: Primeiro partido das semifinais do play off polo título da Liga Iberdrola FS disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 800 espectadores. Gardouse un respectuoso minuto de silencio pola vítima mortal do atropelo múltiple rexistrado este venres en Burela.