Ribadeo, 11 de xuño, 2025. O CAPM “A Concordia” de Ribadeo, pertencente á rede pública da Xunta de Galicia, organiza un acto sensibilizador, no Centro SocioComunitario de Ribadeo, o próximo venres 13 de xuño.
O obxectivo do acto é concienciar sobre o valor da dignidade das persoas maiores e rachar coas barreiras discriminatorias idadistas:
A Asamblea Xeral da ONU, designou o 15 de xuño como Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e o Maltrato cara as persoas maiores.
Para sensibilizar sobre este menoscabo nos dereitos das persoas maiores e sacar estas violencias da súa comodidade semioculta, deseñouse esta actividade.
Constará de 3 partes diferenciadas:
– Relatorio: Idadismo, dignidade e autonomía. Unha reflexión que nos levará a atopar espiñas idadistas discriminatorias en moitos lugares e con longo alcance.
– Proxección curtametraxe: Os piares dos Bós Tratos. Material elaborado nas reflexións de Boas Prácticas do Centro de Día.
– Se algunha vez esquenzo quen son…Carta dunha xerocultora do centro dirixida ás persoas que a futuro serán as posibles encargadas de ofrecerlle apoios e/ou coidados.
Nesta ocasión o eixo son as 5A dos Bós Tratos
– Autodeterminación: Respeto ao dereito a tomar decisións e exercer o control sobre a súa propia vida dacordo ás súas preferencias, valores e necesidades.
– Alento: Crear posibilidades, capacitar en actividades que motiven e permitan aprender novas habilidades. Oportunidades de pracer e satisfacción.
– Agarimo: Establecemento de relacións cómplices e bidireccionais onde as persoas maiores se sintan incluidas, aceptadas, benvidas e comprendidas.
– Apoio: Acompañamento con seguridade evitando a infantilización e a despersoalización
– Atención: recoñecemento da individualidade e da identidade. A historia de vida…a traxectoria vital defínenos, fainos seres únicos.
Se, como sociedade, queremos erradicar/previr o maltrato e o abuso cara as persoas maiores temos que comezar por revisar a imaxe que nos facemos delas.
O idadismo é o modelo negativizado e pasivo do avellentamento; e , polo tanto, orixe desta problemática tan agochada como real.
Como profesionais da Xerontoloxía, “somos responsables de promover unha cultura de bós coidados e de concienciar á comunidade no paradigma: se non é un bó trato é un maltrato, un abuso ou unha despersoalización”.
Como estratexias preventivas e reparadoras, ademáis das boas prácticas, desde o CAPM “combatemos o idadismo cun amplo programa de actividades interxeracionias: Conectamos a persoas de diferentes idades compartindo experiencias,relacións e afectos”.
Un xeito práctico de mudar a falsa idea de que as persoas maiores son antigas, incapaces, desinteresadas pola actualidade, torpes ou infantís.
O avellentamento da poboación é un logro social e un gran reto. Chegar a ser unha persoa maior é unha oportunidade persoal e comunitaria.
“Apoiemos vidas con sentido, en todas as etapas da vida”.