A Mariña, 16 de xuño de 2025. A praia é o ecosistema natural de numerosas especies vexetais e animais. Agora que comeza a temporada estival e son moitas as persoas que se achegan a desfrutar das costas da Mariña Lucense é o momento perfecto para lembrar a necesidade de conciliar o uso recreativo das praias coa funcionalidade que cumpren como ecosistemas naturais e hábitat de moitas especies.
As praias da Mariña Lucense son lugares cheos de vida animal e vexetal que cómpre protexer para garantir a súa conservación. É tamén o caso das praias con sistema dunar, hábitat principal da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) un ave que en todo o litoral cantábrico español só ten presenza en Galicia, estando estritamente protexida mediante un plan específico de conservación.
Co obxectivo de informar e sensibilizar ás persoas usuarias das praias da importancia de respectar estes espazos, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense vén de publicar o Decálogo de boas prácticas para usuarios das praias da Mariña Lucense, un documento sinxelo e práctico no que se explican as claves para coidar as nosas praias, como lugar común de lecer e como hábitat das especies que habitan nas costas.
Na Mariña Lucense existen áreas prioritarias de conservación da píllara das dunas nos municipios de Barreiros e Foz (praias de Altar, A Pampillosa e A Rapadoira), aínda que calquera areal con sistema dunar é un potencial hábitat para esta especie. Nestes lugares estas aves aproveitan para nidificar, directamente sobre a area, e atopan alimento, tanto en época de reprodución como durante os pasos migratorios e a invernada.
Cuns sinxelos consellos pódese axudar a conservar as praias como espazos de biodiversidade animal e vexetal, garantindo o equilibrio do ecosistema. “Así desde a Mancomunidade tratamos de sensibilizar á poboación do valor do patrimonio natural do territorio, un espazo único vital para as persoas que o habitan e para aquelas que chegan a visitarnos atraídas por esta riqueza. Ademais, coidar das nosas praias é tamén coidar de nós mesmos, xa que estas son espazos de lecer abertos nos que todas as persoas poden gozar, e é responsabilidade de todos e todas garantir a súa conservación e o seu legado ás vindeiras xeracións”, explicou Ana Ermida, vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña.
Decálogo
1. A praia é un ecosistema natural do que dependen numerosas especies para a súa supervivencia; como usuarios debemos asumir que é un ámbito sensible e que é a nosa responsabilidade contribuír á súa conservación.
2. Usa sempre pasos sinalizados ou acondicionados para acceder á praia, evitando abrir novos camiños, en especial a través de zonas de vexetación dunar.
3. Presta atención aos carteis informativos existentes nos accesos ás praias e segue as súas instrucións.
4. Evita molestias ás aves. É moi importante para a súa supervivencia e reprodución.
5. As plantas que crecen sobre a area da praia son sumamente fráxiles. Evita pisar a vexetación dunar.
6. Non deixes lixo na praia. Mesmo os refugallos orgánicos poden atraer depredadores.
7. Non leves mascotas á praia; no caso de que a súa presenza estea permitida deben ir sempre atadas e deben estar sempre controladas.
8. Debemos ser escrupulosamente respectuosos cos cercados e medidas de protección para as aves e a vexetación; permanece afastado deles.
9. Se atopas un niño de píllara das dunas avisa ás autoridades ambientais a través do 112.
10. Contribúe a difundir a mensaxe de conservación.
Este decálogo pódese atopar na web da Mancomunidade de Concellos da Mariña nas seccións de espazos naturais, praias e ornitoloxía.
Foro natureWatch
O decálogo foi elaborado no marco das accións de conservación desenvolvidas durante o Encontro de Turismo de Observación da Natureza natureWatch A Mariña Lucense, celebrado o pasado mes de marzo en Barreiros. Este evento, que congregou a participantes chegados de toda España, ten como obxectivo contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza, promovendo as bases sobre as que construír a súa regulación, o emprendemento e o desenvolvemento sostible dos espazos naturais.
A través de relatorios, coloquios e mesas redondas abordáronse experiencias de ecoturismo en diferentes destinos, con temas tan interesantes como a xestión en espazos naturais, a gastronomía responsable, as prácticas de xeoturismo e turismo ornitolóxico e o valor dos espazos naturais e das especies.
O encontro foi promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A organización corre a cargo da empresa especializada Daboecia Arte y Naturaleza en colaboración con El Ecoturista. Ademais, nesta edición contou coa colaboración especial de RURALtXA! un proxecto que impulsa a bioeconomía no mundo rural e que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



