A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou esta mañá un inmoble da rúa Peña de Francia 6
Mondoñedo, 4 de xuño de 2025. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta do inicio da rehabilitación un inmoble na rúa Peña de Francia 6, en Mondoñedo, co que se obterá unha vivenda. O investimento suma preto de 300.000€.
O edificio disporá de 1 vivenda e pasará a formar parte do parque público residencial, neste caso, para aluguer accesible para menores de 36 anos que estean inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, para este concello lucense. Este novo inmoble, polo tanto, forma parte das actuacións da Xunta dentro do compromiso adquirido nesta lexislatura para facilitar o acceso á vivenda aos máis novos.
M. Allegue destacou que as actuacións enmárcanse no Programa Rexurbe, que representa “o compromiso firme co futuro do noso patrimonio, da nosa identidade e do noso tecido social por parte da Xunta. Un compromiso tamén con Mondoñedo e a súa veciñanza”.
Outras actuacións e achegas da Xunta en Mondoñedo
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas salientou as actuacións da Xunta a prol da conservación do parque residencial mindoniense e o seu entorno, que conta cunha Área de Rehabilitación integral declarada dende o 1998 que abrangue o centro histórico e as áreas históricas de Os Muíños e San Lázaro, con 3 convenios por un importe de 625.000€. Tamén a través do reparto de Barrios, as mesmas zonas contaron cun orzamento de 650.000€.
M. Allegue destacou que en Mondoñedo, ademais, declarouse a primeira Área Rexurbe de Galicia, no ano 2020, e por último, que hai un mes, a Xunta firmou co Concello un convenio para un Plan Hurbe, para mellorar a accesibilidade da rúa Rocha de Vélez.