O centro funciona como punto de información, asesoramento e xestión para impulsar as actuacións de rexeneración e dinamización do ámbito
Santiago, 30 de xuño de 2025. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, firmou hoxe co alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide, a renovación do convenio de colaboración para dotar dos medios materiais e humanos necesarios á oficina municipal que xestiona a área Rexurbe deste municipio.
A través deste acordo, que abrangue dende o 1 de xullo de 2025 ata o 30 de xuño de 2027, a Xunta comprométese a cofinanciar, nun 60%, o funcionamento deste centro dependente da entidade local, achegando un investimento de 175.271 euros. Esta oficina funciona como punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión da área Rexurbe de Mondoñedo, co obxectivo de impulsar as actuacións de recuperación, rexeneración e dinamización da área.
A de Mondoñedo foi a primeira Área Rexurbe declarada en Galicia, o 13 de febreiro de 2020, e o seu ámbito comprende o conxunto histórico do municipio e unha zona contigua, de características similares, alcanzando en total unha superficie de 0,45 Km2, en que se localizan 704 edificios e 915 vivendas. O seu primeiro plan de dinamización foi aprobado polo Consello da Xunta do 25 de febreiro de 2021.
Programa Rexurbe en Mondoñedo
Por outra banda, no marco do Programa Rexurbe, xa se iniciaron as obras de rehabilitación dun inmoble para alugueiro para menores de 36 anos na rúa Peña de Francia 6 de Mondoñedo, e esta semana publicarase a licitación das obras de rehabilitación de cinco edificios, cun investimento de 2,7M€ de fondos propios da Xunta.
En concreto, publicarase no perfil do contratante a licitación das obras para 1 edificio dunha VPP na praza Muíños de Arriba 24; para 2 edificios para 4 VPP e 4 rochos na rúa Guevara 7 e 9; para 1 edificio dunha VPP na rúa Febrero 30, e para outro edificio para 2VPP na rúa Álvaro Cunqueiro 34. Tamén se inclúen nestas actuacións as obras de remodelación e reforzo estrutural de 2 VPP e mellora da envolvente do edificio na rúa Progreso 10.