O vehículo, de nove prazas, facilita os desprazamentos e a loxística do club, que segue sumando medallas estatais ao seu palmarés
Lugo, 27 de xuño de 2025. O Club de Remo de Ribadeo conta cun novo vehículo para os seus desprazamentos: unha furgoneta de nove prazas adquirida coa colaboración da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A área provincial achegou 40.000 para este investimento que facilitará os desprazamentos das remeiras e remeiros e a loxística do club, que desenvolve a maior parte da súa actividade competitiva fóra da provincia e de Galiza.
O deputado de Mocidade Daniel García e o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro coñeceron as características do vehículo da man dos responsables do club – Jesús Carreira e Miguel Peña – nun acto que se celebrou este mediodía, e no que se subliñou a importancia do vehículo para a actividade do club.
O deputado Daniel García celebrou que “as remeiras e remeiros de Ríbadeo dispoñan deste novo vehículo, unha necesidade que o club nos trasladou a finais do ano pasado e coa que nos comprometemos desde o inicio” e incidiu “na singularidade e na proxección do proxecto deportivo do club ribadense que está logrando resultados extraordinarios a nivel galego e estatal nas categorías de formación” .
A compra do vehículo, financiado coa achega da área provincial e con outros 14.000 euros de fondos propios do club, materializou o convenio de colaboración comprometido co club a finais de 2024, e aprobado o pasado mes de abril.
O club estreou o novo vehículo a pasada fin de semana para participar Campionato de España de Remo Olímpico e Paralímpico que se celebrou en Sevilla e do que a delegación ribadense -formada por nove remeiras e remeiros de diferentes categorías – volveu con catro medallas.