Dende o PP local lembran que “o goberno do PSOE está incumprindo outros dereitos das traballadoras” porque non actualiza o seu salario en relación ao incremento do IPC e se nega a contratar de forma indefinida a unha traballadora que, por lei, non pode encadear máis contratos temporais
Lourenzá, 2 de xuño de 2025. O PP de Lourenzá lembra que é o goberno local o responsable de xestionar os recursos e tamén o de facer efectivos os pagos dos atrasos aos traballadores do Concello. É por iso que lamenta que as traballadoras do SAF tiveran que chegar a advertir dunha posible folga para “seren escoitadas e que o goberno local tomara en serio as reclamacións sobre os seus dereitos”. Con todo, condenan que “as traballadoras saíran dunha reunión co equipo de goberno con promesas, pero sen ningunha data fixa de cobro”.
Os concelleiros do Grupo Popular agardan que “o goberno local cumpra a súa palabra e resolva canto antes a situación para garantir tanto os dereitos laborais das traballadoras coma o servizo de axuda no fogar aos usuarios”.
Os populares corrixen ao goberno socialista que acusaba aos concelleiros do Partido Popular de “crear polémica” porque “só nos fixemos eco dunha realidade e das queixas das propias traballadoras que non foron escoitadas ata que fixeron público o que levan tempo reclamando”. E inciden en que “en ningún caso nos alegramos desta situación” que afecta a un servizo “moi importante para os nosos maiores”.
Dende o PP local lembran que “o goberno do PSOE tamén está incumprindo outros dereitos das traballadoras” porque non actualiza o seu salario en relación ao incremento do IPC e se nega a contratar de forma indefinida a unha traballadora que, por lei, non pode encadear máis contratos temporais.
Os populares piden “máis traballo serio e responsable” en lugar de “centrar os seus esforzos en criticar á oposición”. De feito, aseguran que “se todo funcionara ben, a oposición non tería que facerse eco das cousas negativas”.