Os deputados lucenses do Partido Popular Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades levarán esta reivindicación ao Congreso e o alcalde do municipio, Dani Vega, anuncia unha iniciativa para o vindeiro Pleno do Concello
Ribadeo, 2 de xuño de 2025. O Partido Popular reclama que o Goberno de Sánchez dote de persoal e medios suficientes á patrulla do SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) en Ribadeo para o mantemento do servizo desta unidade “ante a súa intención do peche encuberto desta unidade disfrazado de reestruturación”.
Os deputados por Lugo Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades levarán esta reivindicación ao Congreso e o alcalde, Dani Vega, xa anunciou que “levaremos este asunto ao vindeiro Pleno do Concello” porque “non podemos deixar que se perdan servizos en Ribadeo”.
Actualmente, a patrulla conta cun garda civil e un cabo 1º que atenden a oito concellos da Mariña oriental. “O servizo na comarca da Mariña complétase con outra patrulla en Xove e o que reivindicamos é que se manteña o servizo en ambos concellos”, segundo subliñan os deputados nacionais.
Os populares reivindican a labor dos efectivos da Garda Civil na provincia e a importancia da especialidade do SEPRONA. “Pola súa propia natureza, Ribadeo e A Mariña oriental contan con costa e interior que concentran os ámbitos de actuacións do SEPRONA” como son a vixilancia das masas de auga, a pesca e o furtivismo, o benestar animal, a silvicultura, a caza ou o turismo relacionado coa natureza.
Os efectivos deste servizo tamén colaboran con organismos autonómicos e locais como as confrarías, as consellerías, os Concellos e, incluso, con asociacións e protectoras.
A patrulla de Ribadeo atópase “nun dos puntos neurálxicos da comarca”. De feito, a zona concentra importantes actividades relacionadas coa pesca recreativa e o marisqueo, o porto comercial, a agricultura e a gandería, o aproveitamento madeireiro, a práctica da caza ou a protección de monumentos naturais como a praia das Catedrais.
Os deputados do Partido Popular advirten que “a desaparición desta patrulla suporía un prexuízo para Ribadeo e a comarca” e explican que “non responde a criterios lóxicos ou de efectividade, senón a outros criterios coma os políticos ou económicos”. É máis, o último informe do xefe da Comandancia de Lugo solicitaba a publicación de dúas vacantes de garda civil para a patrulla do SEPRONA de Ribadeo de forma prioritaria.