Santiago de Compostela, 10 de xuño, 2025. A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, cualificou de “absolutamente indignante e indigno” o dobre veto imposto polo hoxe polo PP á comparecencia do presidente da Xunta para que dea explicacións aos galegos e, sobre todo, ás galegas sobre “o abrazo da vergoña” ao xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares, imputado por unha presunta agresión sexual.
“O presidente da Xunta de Galiza ten que comparecer para explicar o abrazo da vergoña, para explicar por que se ocultou durante catro meses unha denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar e por que se iniciou toda unha campaña absolutamente indigna e indignante de criminalización e acusación contra unha muller que deu un importantísimo paso adiante para denunciar unha presunta agresión sexual”, asegurou Rodil desde o seu escano ao inicio do Pleno, que arrincou, a iniciativa do BNG, coa petición de comparecencia de Alfonso Rueda.
O PP impuxo o seu veto no Pleno e, previamente, na Xunta de Portavoces, á que o Bloque levou tamén esta cuestión, desde o convencemento de que “o mínimo é que este Parlamento sexa capaz de asumir a responsabilidade que ten o Goberno da Xunta de Galiza en todo este asunto”, así como “a necesidade democrática de vir a explicar aquí unha situación absolutamente inaceptable, excepcional e insólita para a política do noso País”.
“Hai razóns máis que suficientes para que o máximo responsable do Goberno galego dea explicacións”, incidiu a viceportavoz nacionalista, subliñando en primeiro termo o “inaudito” do acontecido, porque “nunca pasou que un conselleiro, no seu cargo, fose denunciado por unha agresión sexual e tivese que dimitir por esta razón”.
En segundo lugar, Rodil referiuse á “indecente reacción” que “tivo e está a ter” o Goberno do PP diante de “feitos tan graves”, “tratando como un heroe nacional ao presunto agresor e deslizando, sementando, a dúbida sobre a denunciante”. “Isto é absolutamente indignante”, engadiu, para recordar que a Xunta ten a “máxima responsabilidade de protexe e salvagardar ás mulleres que dan un paso tan difícil como denunciar unha agresión sexual”.
A deputada do BNG argumentou, en terceiro lugar, que Rueda ten que aclarar se foi o entorno do ex conselleiro quen filtrou a identidade da vítima, “lanzando toda unha presión sobre ela e violando o seu dereito á intimidade.
Consumido o veto do PP, Rodil preguntouse, máis unha vez, “que intenta ocultar o PP, por que segue agochándose o presidente da Xunta e por que se nega a dar explicacións sobre un caso tan grave que lle afecta directamente o seu goberno”.
55 segundos de cobertura informativa
Olalla Rodil referiuse tamén a este asunto na súa intervención antes da votación sobre a candidata do PP a dirixir á CRTVG, que o BNG non apoiou, entre outros motivos, porque é unha “candidata de parte” que “leva oito anos exercendo con man de ferro o control político no seo da radio e da televisión públicas de Galiza”. A denuncia por agresión sexual ao ex titular de Mar foi, agregou, un “exemplo palmario” de como o PP utiliza os medios públicos como ho seu “terminal de propaganda”.
Afondando nesta cuestión, denunciou que a imputación por agresión sexual foi “titular dun día” e só mereceu 55 segundos. “O día seguinte a noticia xa era outra, a nova conselleira, e ao terceiro día… aquí no ha pasado nada”, dixo Rodil, que contrapuxo o tratamento informativo da denuncia a Villares co relativo á denuncia a Íñigo Errejón por unha denuncia de agresión sexual: catro días, tarde e noite, abrindo o telexornal.
Unha demostración máis, salientou, de que o PP “utiliza a violencia machista e as denuncias que con valentía presentan as mulleres como arma arreboladiza por intereses electoralistas e partidistas”.
“E agora tratan como un heroe, traéendo en bolandas, como se acabase de gañar a Champións League” a un presunto agresor sexual, concluíu.