Foz, 5 de xuño, 2025. A organización dunha nova proposta de colaboración entre o Concello de Foz, a emisora municipal Radio Foz e EMUGA, a Asociación de Emisoras Municipais Galegas, pechouse nunha reunión mantida entre representantes das tres entidades.
Froito deste acordo desenvolverase en Foz un foro no que se poñerán e valor as propostas de estratexias sostibles que está a afrontar o Concello de Foz, en tres piares clave para o desenvolvemento local: comercio, turismo e sostenibilidade.
O foro formará parte das actividades propostas dentro da que xa é a terceira edición do proxecto Onda ODS Empeza por Ti, que EMUGA desenvolve en colaboración con asociacións homólogas en Andalucía e Catalunya (EMA e La Xarxa Radio TV Cardedeu) e a Asociación de Emisoras Comunitarias, un proxecto con repercusión en máis de 240 emisoras locais de todo o Estado.
Desenvolverase en formato de faladoiro radiofónico en directo coa presenza de persoas expertas nos tres puntos fundamentais que desenvolverá o coloquio e que dará lugar á participación das persoas asistentes.
A Axenda 2030 no centro desta proposta na que se analizarán as accións que, dende o local, se poden poñer en marcha para que o desenvolvemento local avance da man de modelos respectuosos co entorno e a cultura local e sexan reflexo da comunidade que os soporta.