Ribadeo, 2 de xuño de 2025. Ribadeo acollerá do 23 ao 28 de xuño un Campus de Tecnificación de Baloncesto destinado a rapazas e rapaces de 6 a 18 anos.
O evento foi presentado no Salón dos Alcaldes por Sergio Cuesta, coordinador Zona Norte de Élite Sports Academy; Alberto Carmona, CEO de The Basket Dream; José Ramón Vázquez, presidente do CB Ría de Ribadeo; Dani Vega, alcalde ribadense; e Francisco José Silvent, concelleiro de Deportes.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “ata o momento hai 40 inscritos para participar neste Campus de Tecnificación de Baloncesto, que se vai celebrar este mes en Ribadeo. As rapazas e os rapaces compartirán esta experiencia deportiva con adestradores profesionais da liga feminina e da masculina de LEB Ouro e con xogadores de EBA e de LEB Ouro. Por aquí pasarán nomes como Javi Menéndez, Opong Bramble, Manu Ruano, Gonçalo Morais, Jorge Arias ou Carlota López, entre outros”.
E engadiu: “Ribadeo é vila de baloncesto desde hai moitos anos, aquí respírase ambiente de baloncesto e este campus é unha oportunidade magnífica para as rapazas e os rapaces que aquí practican este deporte”.