Barreiros, 16 de xullo de 2025. A undécima edición da carreira 1/2 km vertical Monte Comado será a protagonista deportiva do domingo na Mariña. A proba foi presentada este mércores por membros de la asociación Praias de Comado, xunto a Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros; Daniel García, concelleiro de Dinamización e deputado provincial e Manuel Otero Cadramón, delegado de Deportes da Xunta en Lugo.
A carreira, organizada conxuntamente por Praias de Comado e o Concello de Barreiros está incluída no circuíto +kmBarreiros, promovido polo Concello para promocionar todas as carreiras que se realizan no termo municipal e é a terceira proba desta edición. Ademais da proba absoluta tamén se disputarán carreiras infantís. Colaboran no evento a área de deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
A saída da carreira vertical será ás 11.30 horas, desde a praia de Arealonga e a meta estará no cumio do monte Comado. En pouco máis de 3,5 kilómetros de distancia, os participantes gañarán una altura de case 500 metros sobre o nivel do mar, o que a converte nunha proba especial e diferente. As probas infantís terán lugar no cumio do monte Comado, ás 11.00 horas.
O prazo para anotarse remata este xoves, podendo realizarse a través da páxina web do circuito: https://maiskmsbarreiros.gal/, da propia carreira: https://mediokmverticalmontecomado.jimdofree.com/ ou desde Championchipnorte.