Lugo, 31 de xullo de 2025. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización da XIII Festa Normada de Foz, que se celebrará a última fin de semana de agosto.
O deputado Daniel García participou esta tarde na presentación do cartel, obra de Diego AS. A imaxe do grafiteiro e muralista lucense, que representa unha labrega, promocionará esta festa de recreación histórica na que se escenifica a resistencia da poboación local, encabeza polo bispo Gonzalo, ás invasións normandas.
Daniel García valorou “a Festa Normada como unha celebración do patrimonio inmaterial xa que recrea a lenda do bispo Gonzalo, un relato entre a historia e a imaxinación que se transmitiu de xeración en xeración e que é parte do imaxinario colectivo. Na sociedade contemporánea, a transmisión dese patrimonio ten que darse a través de novos códigos, pero é importante que a cadea se manteña porque son relatos que conforman a nosa identidade”.
Nese senso, valorou “a iniciativa de contar cun artista tan recoñecido como Diego AS para a creación do cartel” e puxo en relevo “o traballo da Asociación Desembarco Normando e das persoas que traballan na organización deste evento para que a finais de agosto todas e todos poidamos disfrutar dela”
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 6.000 euros á organización da Festa Normanda
Colaboración da Xunta de Galicia
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou tamén no acto.
O delegado gabou o “interese turístico e cultural” desta festa de ambientación histórica que lembra o desembarco vikingo nas costas focenses, escena que se recreará durante a xornada principal do sábado a partir das 13,30 horas.
O profesor e escritor Pepe Peinó pronunciará o xoves o pregón inaugural. Durante os catro días o porto de Foz acollerá un mercado medieval, xogos tradicionais e infantís, ludoteca, batucadas ou malabares, entre outras propostas, como así como postos con oferta gastronómica.