O adestrador salmantino formou parte do corpo técnico laranxa durante dez tempadas, repartidas en dúas etapas, nas que axudou a conquistar 21 títulos
Burela, 4 de xullo, 2025. Julio Delgado non continuará á fronte do equipo feminino do Burela FS a próxima tempada. Club e adestrador separan os seus camiños despois de dez tempadas do salmantino no corpo técnico do conxunto feminino, repartidas en dúas etapas. Nesta última, de catro campañas, Julio conquistou dúas Ligas (22/23 e 23/24), tres Copas da Raíña (2022, 2023 e 2025), dúas Supercopas (2023 e 2024) e dúas Copas Galicia (2023 e 2025). Únense ás tres Ligas (15/16, 19/20 e 20/21), tres Copas (2019, 2020 e 2021), tres Supercopas (2015, 2019 e 2021), dúas Copas Galicia (2019 e 2021) e unha Recopa oficiosa (2019). En total son 21 títulos conseguidos de laranxa -5 Ligas, 6 Copas da Raíña, 5 Supercopas, 4 Copas Galicia e a Recopa-, ademais de obter o recoñecemento como o mellor adestrador do Mundo no 2021, premio concedido pola revista especializada Futsalplanet.
Julio Delgado González (Salamanca, 1969) chegou ao banco do conxunto feminino laranxa na tempada 2015/2016, aínda que non era a súa primeira experiencia como adestrador do Burela FS, xa que en xaneiro de 2012 convertíase no técnico do equipo masculino e baixo a súa batuta debutaba o equipo en Primeira División na campaña 2012/2013, logo de caer na final dos play off de ascenso ante o Martorell e renunciar o conxunto catalán á máxima categoría.
Chegou ao corpo técnico laranxa no verán de 2015 para formar un exitoso tándem con Iván Cao Valle, ‘Lucas’, xa que na primeira tempada vencían a liga e a Supercopa. Julio foi gañando protagonismo co paso das tempadas e rematou como primeiro adestrador do equipo, comandando a época máis gloriosa do equipo laranxa, que deu inicio na campaña 2018/2019 coa consecución en Vista Alegre dunha inesquecible Copa da Raíña tras unha final emocionantísima ante o Futsi Atlético Navalcarnero que só se puido resolver na quenda de penaltis. A partir de aí, o Burela FS estendeu un dominio total sobre os títulos nacionais.
Pechou a súa primeira etapa ao finalizar a campaña 2020/2021, pero só oito meses despois, en abril de 2022, regresaba para substituír ao propio Lucas. Nese final de campaña fíxose coa Copa da Raíña en Ourense e levou ao subcampeonato ligueiro ao cadro burelense, chegando a ser a entidade mariñana un dos mellores equipos da historia do fútbol sala español. Julio Delgado despídese do Burela FS despois dunha tempada na que conquistou a Copa da Raíña disputada en Cartaxena e a Copa Galicia, cuxa final se celebrou en Lugo ante o Castro. En cambio, quedou fóra da Supercopa en semifinais, ao caer ante o Torreblanca Melilla e non puido disputar a final de Liga despois de caer en semifinais fronte ao Futsi Atlético Navalcarnero, nunha serie que se resolveu desde o punto de penalti no terceiro partido.
A entidade deséxalle ao adestrador a mellor da sortes na súa nova etapa deportiva, facendo constar que esta será sempre a casa de Julio, como o foi durante tantos anos, como xogador e como adestrador ao que lle agradecemos todo o seu traballo e éxitos logrados nesta última etapa.