Blanco defende a aposta do Goberno coa Mariña mediante o investimento público, o diálogo social e a protección do tecido produtivo
Burela, 4 de xullo de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou na inauguración do 6º Congreso da UGT-FICA A Mariña, celebrado en Burela, onde puxo en valor o papel estratéxico da industria na comarca e reafirmou o compromiso do Goberno de España co seu desenvolvemento económico e social.
Durante a súa intervención, Pedro Blanco destacou que “vivimos tempos de transformación e incerteza, nos que cómpre máis ca nunca contar cun tecido industrial forte, diversificado e sostible”. O delegado insistiu en que a industria “non é só economía: é identidade, cohesión territorial e oportunidades” e que falar de industria na Mariña “é falar de fixar poboación e garantir un futuro digno para as novas xeracións”.
Blanco lembrou que o Goberno “estivo e seguirá estando ao carón da comarca”, tanto nos procesos de reestruturación empresarial como na activación de políticas públicas que apoien a modernización industrial. Nese sentido, mencionou o impacto do Plan de Recuperación, que mobilizou xa máis de 4.000 millóns de euros en Galicia para proxectos de innovación, descarbonización e dixitalización.
O delegado tamén fixo un recoñecemento ao papel fundamental da clase traballadora da Mariña, que leva décadas sostendo sectores fundamentais como o naval, a madeira, a conserva ou a produción de aluminio. “Aquí hai forza, capacidade e esperanza. A Mariña ten futuro e o Goberno de España estará sempre ao seu lado”, afirmou.
O Congreso da UGT-FICA A Mariña, celebrado baixo o lema “Agora máis industria”, reuniu a representantes sindicais e institucionais de toda Galicia para debater os retos do sector industrial na comarca. Blanco pechou a súa intervención agradecendo o labor do sindicato e animando a seguir avanzando “xuntas e xuntos” cara a un modelo produtivo máis xusto, sostible e centrado nas persoas.