A Fundación Expomar converte de venres a domingo a nave de redes do porto de Burela en centro cultural de artesanía, música, literatura e gastronomía
Burela, 29 de xullo, 2025. Un ano máis, o porto de Burela concentra a atención na primeira fin de semana de agosto, coa celebración da 39ª edición da Feira do Bonito, festa de interese turístico nacional e galego, que atraerá a milleiros de visitantes.
Paralelamente a esta cita, que se presentou este luns na Casa do Concello de Burela, a Fundación Expomar organiza unha nova edición da súa feira dos produtos do mar, artesanais e ecolóxicos. Produart, que chega xa á súa 23ª edición.
Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, Produart é o fiel reflexo dos valores de sustentabilidade dos recursos pesqueiros de Burela, a súa tradición artesanal e patrimonio cultural.
Máis de 50 expositores daranse cita desde o venres ata a tarde do domingo nun evento que volve combinar “os saberes e sabores dunha terra que mira ao mar”, no que, ademais de produtos de artesanía e gastronomía popular, presentaranse dúas obras literarias, un festival de música, haberá concerto musical, demostración de encaixe de bolillos e degustación de produtos pesqueiros.
A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, inaugurará o evento o venres ás 17:30, acompañada de Carmela López, presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, e Franciso Cajoto en representación da Deputación de Lugo.
Ás 19:00 do venres terá lugar a presentación do XI Festival Osa do Mar, que se celebrará en Burela do 5 ao 7 de setembro, con Marcos Reimunde e Diego Campo, representantes da Asociación Fanto Fantini, que organiza o festival, Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Daniel García, en representación da Deputación de Lugo, e Carmela López, presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela. O acto pecharase cun concerto especial Osa do Mar e dará paso a unha degustación gratuíta de produtos do mar.
O sábado 2 de agosto ás 11:30 preséntase a obra “Boni, unha viaxe marabillosa”, de Santiago Martínez Fernández e Julio López Quiroga, que xa presentaran o seu libro “Para Bonito, eu” na edición do ano pasado.
Ás 12:00 do sábado e do domingo terá lugar a tradicional demostración de encaixe de bolillos a cargo da Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras “As Encaixeiras” de Burela.
Tanto durante a mañá como a tarde do sábado tamén se celebrarán pintacaras infantís realizados polas monitoras do Centro de Educación Infantil “Gaia”.
O domingo 3 ás 12:00 preséntase a obra “El Secreto de la Salamandra Dorada”, do xornalista Luis Castañeda, que estará acompañado de Lourenzo Fernández, director científico do departamento de Historia da Universidade de Santiago, Herminia Pernas, cronista oficial de Burela, e Francisco Rodríguez, familiar da protagonista do libro.
Finalmente, o domingo ás 20:00 pecharase esta nova edición de Produart, que, segundo a Fundación Expomar, “esperamos que volva ser un éxito rotundo, apoiado non só pola celebración da Feira do Bonito, senón tamén polas múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer que se celebran estes días en Burela e que contribúen a crear a mellor atmosfera festiva, demostrando unha vez máis a capacidade de Burela para organizar eventos de alta calidade”, afirma a alcaldesa de Burela e presidenta de Expomar, Carmela López.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



