A Mariña, 4 de xullo, 2025. Os alcaldes e alcaldesas dos Concellos de Viveiro, Cervo, Xove e O Vicedo mantiveron unha reunión de traballo co xerente da área sanitaria Lugo – A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, para interesarse pola situación da atención sanitaria nos seus respectivos municipios durante os meses de verán.
O xerente expuxo durante o encontro de traballo as principais liñas de planificación asistencial para este período, cunha clara prioridade: garantir a máxima cobertura e calidade na atención á cidadanía, dentro dun contexto marcado pola escaseza absoluta de profesionais dispoñibles para asumir todas as ausencias.
Así, trasladouse aos rexedores o compromiso de realizar todas as substitucións posibles e de manter unha atención axeitada, empregando todos os mecanismos dispoñibles, como as intersubstitucións entre profesionais, a prolongación de xornada e todas as medidas que sexan posibles coa fin de cubrir todo o que se poida.
En relación ao centro de saúde de Viveiro, recordan que se cobren as substitucións das ausencias sempre que é posible e as prazas vacantes están ofertadas para a súa cobertura a través de concurso de méritos.
Tamén aclaran que nin o consultorio de Cervo nin o servizo de Atención Primaria de San Cibrao deixarán de facer actividade programada nin urxente durante estes meses de verán, pois estanse tomando todas as medidas para cubrir as substitucións e vacacións en ambos casos. Ademais, intentarase reforzar a atención no centro de San Cibrao tendo en conta o incremento de poboación que vive esta localidade no período estival.
O centro de saúde de Xove dispón dun médico e unha praza vacante que está sendo substituída sempre que hai profesionais dispoñibles e que se agarda cubrir o antes posible de xeito definitivo.
E no caso do Vicedo, os veciños e veciñas do Vicedo seguen contando coa atención sanitaria que xa tiñan, na que un médico atende á poboación deste municipio.
A ausencia total de especialistas en determinadas especialidades nas listas de substitución dificulta a cobertura das vacantes e ausencias, o que fai necesario unha reestruturación temporal dos recursos asistenciais.
Neste contexto, tanto o xerente coma os alcaldes agradeceron especialmente a colaboración, implicación e responsabilidade dos profesionais sanitarios da comarca, que están a facer posible este esforzo colectivo para manter unha atención sanitaria de calidade durante o verán.
A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte continuará traballando en coordinación cos concellos para garantir a mellor resposta posible ás necesidades asistenciais.