A declaración supón un aval ao compromiso do goberno local co fomento da actividade económica e creación de emprego no municipio
Viveiro, 11 de xullo de 2025. O Concello de Viveiro vén de recibir a declaración oficial como Concello Emprendedor, segundo a resolución emitida pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Este recoñecemento supón un aval ao compromiso do goberno local co fomento da actividade económica e da creación de emprego no municipio.
Para acadar esta condición, o Concello de Viveiro adoptou varias medidas encamiñadas a facilitar a implantación de empresas no termo municipal. Entre elas destacan a modificación das ordenanzas fiscais e a sinatura dun compromiso para axilizar a tramitación de licenzas vinculadas á apertura de novos negocios. Estas accións están orientadas a mellorar o atractivo empresarial do municipio e fomentar o tecido económico local.
Ademais do incentivo que representa para o asentamento de novas empresas, a condición de Concello Emprendedor permite que Viveiro obteña unha puntuación máis alta en algúns procedementos de concorrencia competitiva como convocatorias de subvencións e programas autonómicos de impulso económico.
A alcaldesa Mariña Gueimunde salientou que este recoñecemento «reforza a nosa aposta por facer de Viveiro un lugar atractivo para investir e crear emprego, eliminando trabas e mellorando as condicións para quen queira desenvolver aquí a súa actividade».