Ribadeo, 6 de agosto de 2025. Acisa encherá as rúas de Ribadeo de actividades do 14 ao 31 de agosto coa campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo, que culminará co sorteo dunhas vacacións a Gran Canaria. A programación foi presentada este mediodía nas Catro Rúas.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “esta nova campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo, se vai desenvolver do 14 ao 31 de agosto e vai encher de actividades e de vida, aínda máis, esta vila e as súas rúas. Esta campaña, que é moi potente e moi importante, é posible grazas ao premio excepcional que esta asociación recibía hai unhas semanas por parte da Dirección Xeral de Comercio”.
Cruzado Iglesias subliñou que “para chegar a iso, a ter unha das valoracións máis altas entre os proxectos presentados, houbo que elaborar un programa de actividades ambicioso e no que implicamos a moitas asociacións e colectivos de Ribadeo. Grazas pola súa colaboración á Comisión de Festas de Ribadeo, ao Xara Fest e á Praza de Abastos e tamén a Agacal. E moitas grazas ao noso patrocinador, a Discosta, unha empresa de Ribadeo socia de Acisa desde hai moitos anos. E grazas á Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Comercio, por este premio tan importante para nós. E ao Concello de Ribadeo co que traballamos e colaboramos a diario en moitos eventos que se desenvolven nesta vila ao longo do ano”.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense adiantou que “do 14 ao 31 de agosto vai haber moita música na rúa para animar as tardiñas e as noites en Ribadeo, haberá Xoves Abertos no comercio e propostas moi refrescantes na hostalería, Mercado de Rúa, obradoiros de concienciación, actividades de multiaventura, teremos unha ruleta que repartirá centos de premios, haberá gastronomía e todo culminará cunha grande xornada o 31 de agosto na que imos sortear unhas vacacións a Gran Canaria”.
Carmen Cruzado dixo: “contamos en Ribadeo cun comercio que é un referente en toda a contorna tanto en Galicia como en Asturias e así queremos seguir. Estamos a vivir un verano moi potente, en canto a número de visitantes, e no que o seu paso supón para a economía local. Agosto pensamos que vai ser un mes de récord, no norte somos un refuxio climático, somos un oasis, e iso estase notando cada vez máis na presenza de turistas chegados desde o centro do país ou de puntos como Andalucía e Extremadura. Comercio e hostalería están tentando facelo o mellor posible e dando o mellor de si, por iso hoxe lles quero agradecer de forma especial aos 70 negocios asociados que, a pesar do traballo do día a día, decidiron participar nesta campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo”.
O xerente de ACISA, Jesús Pérez, explicou que “esta campaña nace co obxectivo de seguir dinamizando o comercio e o consumo local, ofrecendo ao tempo actividades de calidade que atraian tanto á veciñanza como ao turismo que nos visita. Queremos que agosto sexa un mes cheo de vida nas rúas de Ribadeo e que o comercio local sexa protagonista. Esta programación, é resultado do premio extraordinario no programa O teu comercio local, é extraordinario, gañado por Acisa Ribadeo, hai uns meses xunto a outros catro CCAs de Galicia, cunha inversión que rolda aproximadamente os 65.000 euros”.
Pérez Prada relatou que “durante a segunda quincena de agosto celebraranse tres xoves abertos con concertos ao aire libre. O primeiro será o 14 de agosto ás 20:30 h na rúa San Roque coa actuación de D´Crooners. O 21 de agosto ás 22:00 horas será a quenda de DJ Betty Bunny na Praza José María López (zona vella), en colaboración co Xara Fest. E o día 28 ás 20:00 horas pechará esta rolda musical Carolina Rubirosa na rúa San Francisco. Ademais este mesmo xoves na zona vella, de novo en colaboración co Xara Fest, celebraremos o Xara Warm Up cunha sesión de DJs a partires das 22:00 horas a cargo de Wachu e Baby Romeo. A esta programación musical, engádese tamén a celebración o sábado 16 ás 19:30 horas na rúa San Roque a actuación de Dos en Punto, en colaboración coa Comisión de Festas de Ribadeo. Durante estes tres xoves abertos os clientes do comercio local poderán participar na Ruleta da Sorte de Acisa Ribadeo, que atoparán a carón dos concertos dende as 19:00 ás 21:00 horas, e na que poderás gañar premios como mochilas, camisetas, bolsas, tazas ou paraugas”. E seguiu contando: “ademais estes tres mesmos xoves a partires das 20:00 horas a clientela do comercio e da hostalería de Ribadeo poderá gozar dun quinto de Estrella Galicia ou dun tinto de verán a tan só un euro 1 euro ou dun cubo de cinco quintos de cervexas a cinco euros nos establecementos adheridos. Para participar na ruleta da sorte, obter os descontos e promocións nas tendas así como para a oferta na hostalaría haberá que presentar o Multipase de Acisa Ribadeo, que se poderá conseguir por compras nos establecementos adheridos á nosa entidade dende o propio 14 de agosto”.
Pérez Prada indicou que “se celebrarán dous mercados de rúa os días 23 e 24 e 30 e 31 de agosto, nos que os comercios participantes saen á rúa con grandes descontos e liquidacións de stocks. E para animar estas datas, contaremos cos dous Domingueos en Ribadeo aos mediodías o 24 e o 31 de agosto, coas actuacións das charangas Bicoia e Fanfarria Takicárdica, que percorrerán ás rúas da vila. Todas as ofertas, propostas e participantes poden consultarse na web e redes sociais de Acisa Ribadeo”.
O xerente de Acisa manifestou que “agosto é un mes clave para o comercio local e queremos aproveitalo ao máximo. Esta programación conxuga lecer, cultura e compras, pero tamén gastronomía e por iso os días 29 e 30 teremos os Días de Sabor, as xornadas denominadas Gastropraza de degustación e posta en valor de produtos da nosa terra na Praza de Abastos de Ribadeo, en colaboración con AGACAL”.
Jesús Pérez subliñou que “outra das grandes apostas da campaña é a Semana Multiaventura, que se desenvolverá do 25 ao 30 de agosto no Parque San Francisco e outras rúas da vila. Nesta programación incluímos actividades como lásertag, os dias 25 e 26 de agosto de 18:00 a 21:00 horas no Parque San Francisco; o dia 27 de agosto no mesmo horario e ubicacion contaremos con inchables acuático – terrestres e festa da escuma; e os días 28 e 29 gozaremos dun impresionante deslizador de máis de 100 metros na rúaa Viejo Pancho, no mesmo horario. Ademais durante toda a semana haberá un rocódromo de 6 metros e dúas vías de traballo neste caso de 11:00 a 14:30 e de 17:30 a 21:00 horas. Todas estas actividades serán de acceso gratuíto para quen dispoña do Multipase de Acisa Ribadeo, que se pode conseguir nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo”.
“E o 31 de agosto celebrarase a Gran Festa de Fin de Verán de Acisa Ribadeo, cun obradoiro de concienciación sobre o comercio local de 12:30 a 14:30 horas na Praza de Abastos, co pasarrúas de Fanfarria Takicárdica, tanto o mediodia como á tarde-noite, a Ruleta da Sorte dende as 18:00 horas na Praza do Cantón, e o gran sorteo final presencial dunhas vacacións en Gran Canaria, que terá lugar ás 21:00 horas”, dixo o xerente de Acisa.
Jesús Pérez engadiu: “queremos que Ribadeo sexa un destino atractivo, dinámico e próximo, e que o noso comercio sexa tamén sinónimo de cultura, lecer e implicación coa vila. Esta campaña é unha mostra do que podemos conseguir traballando unidos e co financiamento axeitado. Esta programación está pensada para todos os públicos e vai na liña que marca o novo plan de comercio da Xunta de Galicia, que busca a colaboración entre colectivos, facendo programacións mais amplas e atractivas, facendo propostas reais e concretas para todas as franxas de idade, que pon no centro ao comercio das nosas vilas, ese negocios permanentes de Ribadeo, pero sen obviar todo o que ao seu arrredor existe, hostalaría, gastronomía, cultura,… e que mesturándoo con xeito, ofrece unha programación que debe servir de revulsivo para a nosa economía coma un motor dinamizador da economía local. Tamén ofrece dinamismo e fidelidade no proceso de compra, xa que para acceder aos descontos, promocións, sorteos, actividades… terás antes que facer unha compra para que che entreguen o teu multipase e así facer a seguinte compra con desconto ou acceder a algunha das actividades. Por iso, esta programación inclúe ao Xara Fest, querendo así implicar aos adolescentes na vida comercial, tamén aos mais pequenos cos obradoiros de concienciación, á praza de abastos e AGACAL para incluír á gastronomía e aos produtos de proximidade, os xoves abertos para incluír á hostalaría e á musica. Dende Acisa Ribadeo apostamos por un Ribadeo activo, acolledor e cheo de alternativas para veciños e visitantes, que ten coma eixe principal o comercio e hostalaría local, porque Ribadeo non precisa mais que o que ten durante todo o ano”.
Toda esta programación verase completada cunha ampla campaña publicitaria tanto en medios de comunicación como redes sociais e cun spot publicitario que nas vindeiras horas se presentará en redes e xa se pode ver no cine en Ribadeo.
Ao longo dos vindeiros días Acisa presentará varias iniciativas complementarias e que forman parte desta programación especial, como é o sorteo dunhas vacacións en Canarias, unha campaña de concienciación sobre a importancia de mercar no comercio local, “ese que paga impostos e xera emprego en Ribadeo todo o ano, a renovación da sinalización comercial e sen obviar o xa presentado como foron as bolsas entregadas neste verán no comercio asociado”.
O acto de presentación da campaña O noso comercio é vida, vive Ribadeo contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, do alcalde, Dani Vega, da tenente de alcalde, Begoña Sanjurjo, e o presidente da Comisión de Festas de Ribadeo, Gonzalo Lebredo.
Na súa intervención o alcalde, Dani Vega, subliñou que “o que facemos hoxe é presentar esta campaña conxunta entre Acisa e o Concello de Ribadeo e financiada pola Xunta de Galicia. Acisa é un dos piares fundamentais do colectivismo e neste caso da representación de todos os empresarios de todo o sector económico da vila”.
O rexedor dixo que “Acisa organizou unha serie de actividades para agosto, pero tamén haberá moitas actividades durante todo o ano, porque en Ribadeo entendemos perfectamente o que é a desestacionalización e as programacións seguirán en outubro, en novembro ou en decembro”.
Para o alcalde ribadense: “acertou moito Acisa con este proxecto e a Dirección Xeral de Comercio detectoua que o exemplo do comercio en Galicia chámase Ribadeo e chámase Acisa. E eu creo que isto é froito do traballo que se ven desenvolvendo ano tras ano e coa colaboración de todos: a proposta por parte de Acisa, o financiamento por parte da Xunta e a colaboración institucional do Concello”.
E engadiu que “a clave do éxito está na colaboración entre o Concello e Acisa”.