A proba, organizada pola A.D. Augas Santas, é a cuarta cita do circuíto de carreiras populares do Concello de Barreiros. As inscricións pechan este xoves
Barreiros, 5 de agosto de 2025. Barreiros acolle a undécima edición da carreira popular “Benquerencia Terra-Mar” que se celebrará este sábado, 9 de agosto, na parroquia de San Pedro de Benquerencia. A proba está integrada no Circuíto de carreiras Populares +kmsBarreiros, promovido polo Concello de Barreiros, sendo esta a cuarta das seis probas que o compoñen.
Ao acto de presentación acudiron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, e representantes da Asociación Deportiva Augas Santas, entidade organizadora da carreira.
Desde a organización sinalan que as inscricións permanecerán abertas ata este xoves, 7 de agosto, e que todas as persoas participantes na categoría absoluta recibirán un agasallo, cando menos, diferente do habitual. Tamén agradecen a colaboración institucional para garantir o éxito e a continuidade deste tipo de probas.
A carreira Benquerencia Terra-Mar é unha das máis singulares do circuíto, xa que combina asfalto cun tramo de praia, ofrecendo así un percorrido de 7km do máis atractivo para persoas afeccionadas ao deporte. Tamén contará con distancias axustadas segundo as idades para as categorías de menores.
Toda a información da carreira e o proceso de inscrición está dispoñible na web do circuíto : www.maiskmsbarreiros.gal