Foz, 13 de agosto de 2025. O Concello de Foz instalou catro minipuntos limpos de proximidade no casco urbano da vila. A actuación, orzamentada en 18.125,80 euros, foi financiada nun 90 por cento por fondos da Unión Europea – Next Generation EU, a través do Mecanismo de recuperación e resiliciencia da UE que xestiona a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O Concello de Foz financiou o 10 por do investimento.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que “debemos fomentar a cultura da reutilización e a reciclaxe: xerar menos residuos, xestionalos mellor e coidar entre todos do noso concello. Moitos veciños pregúntannos onde reciclar as lámpadas ou as pilas. Agora vai a ser máis sinxelo: dispuxéronse puntos de recollida na Avenida da Mariña, en Álvaro Cunqueiro, na Avenida de Viveiro (fronte ao Gadis de Marzán) e na rúa Trapero Pardo, no inicio da Rapadoira. Pido a todas e todos que fagan bo uso deles”.
Ángel Fernández Neira, concelleiro de Medio Ambiente, indica: “nestes novos puntos podemos reciclar cartuchos de impresora, lámpadas led, pilas e baterías, lámpadas de baixo consumo, pequenos aparellos electrónicos e cápsulas de café de aluminio e plástico. Este servizo complementa perfectamente o punto limpo móbil que se despraza polas parroquias”.
O alcalde remata: “desde a Concellería de Medio Ambiente estamos traballando intensamente tamén na parte administrativa da nova licitación da recollida do contedor marrón (orgánica), amarelo (envases) e azul (cartón). Quero agradecer o esforzo dos técnicos municipais”.