A conselleira do Medio Rural visitou hoxe en Lourenzá Fabas Alma do Val, produtora e comercializadora do feixón amparado por esta Indicación Xeográfica Protexida (IXP)
Lourenzá, 11 de agosto de 2025. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o apoio decidido da Xunta á Faba de Lourenzá como produto agroalimentario galego de calidade diferenciada. Nunha visita a Fabas Alma do Val, produtora e comercializadora do feixón amparado por esta Indicación Xeográfica Protexida (IXP), a titular de Medio Rural reiterou tamén o compromiso do seu departamento cos fabeiros, que se materializa a través de axudas específicas -xa pagadas- e tamén mediante diferentes medidas complementarias nos eidos da formación, a investigación, a transformación e a comercialización do produto.
Nesta liña, Gómez, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor as achegas aos produtores da IXP, que se convocaron este ano por primeira vez e que veñen de percibir un total de 18 fabeiros, todos os inscritos no Consello Regulador que cumprían os requisitos da convocatoria. En conxunto, percibiron 68.000 euros e a resolución publicarase no DOG este mesmo mércores.
A conselleira explicou que estas axudas enmárcanse nun contexto complexo para o sector, marcado polas malas colleitas dos anos 2023 e 2024, que obrigaron a desbotar unha parte importante da produción a causa das condicións climáticas adversas. Así, lembrou, as choivas intensas da primavera de 2024 provocaron graves ataques fúnxicos que afectaron severamente á colleita, cunha porcentaxe de produto apto para a IXP moito menor que en anos anteriores.
Actuacións complementarias
Por estes motivos, o Goberno galego está impulsando diferentes actuacións que complementan as devanditas axudas. Entre elas, cómpre salientar as liñas de traballo no terreo da investigación, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Estes labores céntranse en analizar a eficacia dos actuais tratamentos fitosanitarios á procura de novas opcións para abordar a incidencia dos fungos ante o cambio climático. Trátase de promover a incorporación de prácticas agronómicas na produción de faba, tales como a rotación de cultivos, os marcos de plantación ou a eliminación da virose na semente.
Tamén se está actuando para fomentar a transformación e comercialización da Faba de Lourenzá e para impulsar a incorporación de produtores á IXP. Ademais, hai que lembrar a posta en marcha da rede de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes centros de formación dependentes da Consellería, cun especial papel protagonista para o Pedro Murias de Ribadeo. Así, este centro será pioneiro nesta iniciativa cun curso específico que se impartirá no vindeiro mes de setembro, precisamente sobre a elaboración de hummus con Faba de Lourenzá.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



