Navia, 1 de agosto de 2025. O Concello de Navia formalizou este venres en Oviedo a sinatura do convenio de colaboración co Principado de Asturias para a integración da Escola Infantil Municipal Pinín na Rede Autonómica de Escolas Infantís, coñecida como Les Escuelines / As Escolias.
Este convenio entrará en vigor o próximo 1 de setembro e supón un paso importante no compromiso institucional por reforzar a educación na etapa de 0 a 3 anos. A Escola Pinín formará parte das 22 primeiras escolas municipais asturianas que se incorporan a esta rede autonómica, tras cumprir con todos os requisitos establecidos pola nova Lei 5/2024 do Principado de Asturias e achegar a documentación necesaria en tempo e forma.
Desde o Concello de Navia ponse en valor o esforzo municipal realizado durante todos estes anos, xunto ao compromiso e profesionalidade do persoal educativo do centro, que fixeron posible un servizo con nivel de excelencia recoñecido polas familias e a comunidade educativa do concello.
A integración nesta rede autonómica garante a continuidade e reforzo dun modelo educativo de calidade, e forma parte da estratexia do Goberno do Principado de avanzar na universalización e mellora do primeiro ciclo de Educación Infantil en todo o territorio asturiano.
As escolas de 0 a 3 anos supoñen un reforzo fundamental ao sistema educativo, cuxa calidade é clave para o desenvolvemento e o futuro da nosa comunidade. Desde o Concello de Navia mantense o compromiso cunha oferta educativa diversa e de calidade, en colaboración con todas as iniciativas que contribúan ao benestar da infancia e as familias do concello.