Barreiros, 3 de agosto de 2025. Este sábado celebrouse en San Miguel de Reinante, en Barreiros, o XLII Festival Folclórico Internacional do Emigrante, con actuacións da Agrupación Santa Ana de La Laguna, en Tenerife, do rancho folclórico das Lavradeiras de Vila Franca (Viana do Castelo-Portugal) e da Asociación Folclórica O Arco da Vella, organizadora da mostra xunto ao Concello de Barreiros.
O campo das Valgas encheuse de público para seguir as actuacións, unha celebración da diversidade cultural e das tradicións musicais de Galiza, Canarias e Portugal.
O deputado Daniel García, que asistiu á mostra xunto a alcaldesa Ana Ermida, destacou “o traballo da Asociación Folclórica O Arco da Vella na organización do Festival Folclórico, unha oportunidade de intercambio cultural e de proxección da nosa tradición musical, que ten as súas raíces na actividade de formación e divulgación que desenvolven ao longo do ano”
O Festival do Emigrante é un dos momentos máis agardados do ano para O Arco da Vella, que suma 45 anos de traxectoria na conservación e na difusión da música tradicional e que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación na súa actividade e funcionamento.