Ribadeo, 4 de agosto de 2025. Ponentes de Colombia e Portugal participarán no XIV Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebrará en Ribadeo do 27 ao 29 de agosto. Está organizado por Apaga.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, explicou que “este ano temos un programa de 3 días, que se empezará o 27, coa charla da empresa Robert Bosch, a cargo de Jaime Aguado, que falará da diagnose de vehículos híbridos/eléctricos con kits Bosch. Despois a continuación, esa mañá vai haber unha exposición dos proxectos europeos que levamos feito desde a asociación, desde o proxecto de Theide sobre hidróxeno, que remata agora o 30 de agosto, ata outros proxectos de mobilidades de alumnos e profesores. Xa pola tarde vamos ter unha subida, como outros anos, ata ría de Abres, iremos a ese área recreativa en barco con todos os participantes. Está prevista para as 18:00 horas”.
Doural relatou que “o 28 de agosto contaremos cun especialista no tema de valoración de danos e accidentes. Trátase de Román Álvarez Vijande, da Escuela Nacional de Peritos. Tamén intervirá noutra charla Giovanny Muñoz Espitia, que é profesor da Universidade de Bogotá. Él vainos dar unha visión da formación profesional en Colombia, en Hispanoamérica é moi normal que o sistema de universidade e a formación profesional estean unidas, as institucións que imparten unha ensinanza imparten a outra. Contaremos tamén coa presenza dun periodista especialista do motor da revista Autofácil. Álvaro Sauras vai falar sobre o tema dos incendios nas baterías de vehículos eléctricos. Outra das charlas do xoves será a que pronunciará Daniel Santos, de Melisauto (concesionario de Toyota en Lisboa), onde os nosos alumnos dos proxectos de mobilidade van facer prácticas desde hai varios anos. É unha empresa moi centrada no tema da internacionalización e da acollida de alumnos. Vai falar sobre a tecnoloxía Toyota e sobre os procesos de prácticas e de acollemento de alumnos, explicará como eles están realizando todo ese tipo de formación”.
O presidente de Apaga contou que “xa o venres, o 29 de agosto, participará no Fórum José Luis Rodríguez, de BMW, técnico de formación, que vai falar sobre novos sistemas de baterías de vehículos eléctricos e como esa empresa está abordando todo o mantemento de baterías, reparacións e todo iso. Vamos ter unha batería precisamente dun vehículo ou un conxunto de baterías que compoñen un vehículo BMW, que practicamente o solo dese coche está cheo de baterías, que é unha cousa impresionante. Contaremos cunha plataforma desas, onde van todas as baterías, vamos tela montada alí no noso local. A xornada do venres rematará coa ponencia de Tomás Fernández, de Stellantis Groupe, que ten a súa fábrica en Vigo, a que antigamente era Citroen, para os que nos gusta a tecnoloxía Citroen nos gusta acordarnos da fábrica de Citroen, que era unha icona a nivel de Galicia e Europa”.
Álvaro Doural tivo palabras de agradecemento para as empresas que van a colaborar un ano máis co as súas axudas para que este Fórum se leve adiante e lamentou a falla de apoio da Deputación Provincial de Lugo este ano.
Sobre as inscricións o presidente de Apaga subliñou que “hai xa 50 persoas inscritas para participar nesta cita, pero aínda quedan unhas 15 prazas libres para xente de Ribadeo, xente que estea vinculada ao sector do automóbil, que lle apeteza ir por determinadas conferencias ou determinados temas. Non ten custe ningún. O único que teñen que facer é inscribirse na nosa páxina web www.apaga.es, por unha única cuestión, que é a capacidade que teñen as nosas instalacións”.