A granxa familiar barreirense participa no programa formativo “Da Escola á Granxa” da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
Lugo, 13 de agosto de 2025. O deputado de Rural Daniel García recibiu no Pazo de San Marcos a Saúl Dorado da gandería Mantoño Holstein de San Xusto, en Barreiros, recentemente recoñecida pola Federación Frisona Galega (Fefriga) como a mellor granxa por clasificación morfolóxica de Galicia
Un recoñecemento que avala o traballo de selección e mellora xenética realizado nos últimos anos pola gandería barreirense para aumentar a rendibilidade da granxa, creada pola súa nai e o seu pai nos anos oitenta.
O carácter familiar da granxa púxose en relevo no acto, coa presenza das tres xeracións que sustentan a gandería, ademais da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, que tamén participou do recoñecemento.
Daniel García referiuse a Mantoño Holstein como un “referente e un modelo a seguir” e un mostra de “compromiso co rural da comarca da Mariña e da provincia de Lugo”, e agradeceu a súa implicación en proxectos da área provincial como o programa formativo “Da Escola á Granxa” que achega a alumnado de infantil e primaria ao sector primaria con actividades en granxas e proxectos de emprendemento no rural.
A distinción honorífica concedida por Fefriga súmase a outros recoñecementos a nivel estatal recibidos nos últimos anos como 2ª mellor granxa por cualificación final en todo o estado español en 2024 ou o terceiro posto como mellores criadores de España, outorgado pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española en 2023.