Lugo, 23 de setembro de 2025. A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, encabezou esta mañá a colocación da pancarta conmemorativa do Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres e Nenas, nun acto no que estivo acompañada pola xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, María Luisa Castro.
López subliñou que a explotación sexual “constitúe unha das formas máis extremas de violencia machista, que utiliza ás mulleres como mercadoría e afecta especialmente a aquelas máis vulnerables, sendo unha violación incuestionable dos dereitos humanos”.
A representante do Goberno en Lugo destacou que este tipo de violencia require unha resposta integral que combine prevención, protección ás vítimas e persecución dos delitos, e lembrou que o Goberno leva anos reforzando recursos para avanzar cara á súa erradicación.
Olimpia López sinalou que a colocación da pancarta “é tamén unha maneira de facer visible unha realidade que moitas veces permanece oculta, pero que temos a obriga de sinalar e denunciar, porque só así poderemos avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.