Lourenzá, 29 de setembro de 2025. Este ano celebrase a 11ª edición de Vespafaba & Clásicos Lourenzá e, como ven sendo costume, cun formato de dous días, 4 e 5 de outubro. Na presentación deste evento participaron a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e o concelleiro de Cultura, Manuel Arango, xunto a membros da organización deste evento, que destaca que é “unha cita consolidada xa no calendario dos eventos de vehículos clásicos e motos, sobre todo da mítica Vespa, que atrae participantes de todo Galicia, Asturias e Castela e León”.
O sábado 4 de outubro é o día dedicado a scooters e motos clásicas. A recepción deses vehículos será na rúa Fernández del Riego a partir das 10.00 horas, onde desde as 12.00 se celebrarán una xincana e probas de habilidade, “algo moi entretido que capta a atención de numerosos visitantes”. A ruta está prevista para as 13.30 horas, “na que se percorrerá o Val de Lourenzá, haberá un pincheo polo camiño e regresarase á vila para o xantar servido por catering Chao da Brea, no que se fará a entrega de premios e un gran sorteo”.
O domingo 5 de outubro é a xornada para os coches clásicos. “Poderán participar vehículos anteriores a 1995 (30 anos), a recepción será tamén na rúa Fernández del Riego e os coches permanecerán expostos nas rúas da vila ata as 13.30 horas para o desfrute de participantes e visitantes da Festa da Faba, xa que moitos destes vehículos causan gran expectación ó encontrarse con modelos espectaculares en perfecto estado de conservación e algunhas curiosas e singulares unidades das décadas do 1930 e 1940 e 1950; tamén unha ampla inscrición de vehículos dos 60 e 70, e como non, gran variedade dos clásicos mais modernos de finais dos 80 e comezos dos anos 90. A saída da ruta será as 13.30 polo centro de Lourenzá, un dos momentos máis espectaculares, xa que se forma un pasillo humano de visitantes da festa admirando o desfile de vehículos que se dirixirán a Bretoña (A Pastoriza), onde será o xantar as 14:30 horas en Hotel A Casa Da Luz e quedarán expostos os vehículos ata as 16:30, hora do regreso a Lourenzá, onde se celebrará a entrega de premios e un gran sorteo aló polas 17:30 horas”, explican os organizadores.
“Coma sempre, a inscrición consta de regalo de benvida, xantar e participación nun gran sorteo o final do evento. Teremos uns premios ambos días para: coche / moto máis espectacular, coche / moto máis antiga, participante máis afastado, piloto máis veterano, club máis numeroso, recordo de participación a cada club asistente e algún que outro trofeo sorpresa”, anuncia a organización.
A data límite de inscrición é o mércores 1 de outubro, as prazas son limitadas e “esperase igualar ou superar as cifras de participación do ano pasado, no que se puideron ver o sábado sobre 70 motos e o domingo uns 160 coches”.