As compañías El perro Azul (A Rioxa), Led Silhouette (Navarra), Zig Zag Danza (Asturias) e La Roca Producciones (Asturias) presentarán os seus novos espectáculos na provincia
Santiago de Compostela, a 5 de setembro de 2025.- A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte achegará dez espectaculos de danza, teatro e circo a outras tantas localidades de Galicia. A programación, que decorrerá do 12 de setembro ao 26 de outubro e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), presentará pezas para públicos de todas as idades de compañías orixinarias de Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, territorio que se incorpora á iniciativa neste 2025.
A programación, dada a coñecer esta mañá na Praza do Obradoiro, presentará un total de dez funcións en Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba, Vimianzo e Negreira, que se estrea como sede do programa. Baixo o lema Sementar, coidar, xermolar, a sétima edición de CEN achegará até distintos escenarios e públicos os traballos de compañías que forman parte deste programa de intercambio, no que Galicia tamén exportará o seu talento aos demais territorios a través de Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía., quen representou esta mañá un anaco do seu Multiperspectivas#3.
Así, Camiño Escena Norte levará un total de 18 espectáculos polas 60 sedes que formarán parte do seu itinerario de exhibicion, nomeado Constelacións. Trátase dunha programación itinerante de artes escénicas de corte xeralista na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil e adolescente coma adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creacion contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific. No caso de Galicia, os seus escenarios contarán coa visita de seis compañias: La Roca Producciones e Zigzag Danza (Asturias), El Tejo Producciones (Cantabria), NiMú (Euskadi), Led Silhouette (Navarra) e El Perro Azul (A Rioxa).
Este Itinerario Constelacións comezará, como é habitual, na cidade de Santiago de Compostela. A primeira cita será o venres 12 de setembro na Praza da Quintana e chegará da man de Pausa, unha proposta circense para todos os públicos da compañía vasca NiMú, e que se volverá representar o 26 de setembro en Carballo, no marco do FIOT; festival co cal CEN desenvolve unha estreita colaboración desde hai anos a través do proxecto Vieiros (para a promoción de eventos escénicos fóra do seu territorio).
A partir do vindeiro día día 12, as compañías xirarán polas provincias da Coruña e Lugo. É así como a rioxana El perro azul visitará Foz e Negreira -nova sede deste ano- co seu Globe Story (teatro para todos os públicos), a cántabra El Tejo Producciones presentará El jardín de las posibilidades en Vimianzo (público adulto), os navarros Led Silhouette bailarán Halley en Lugo ou mesmo a asturiana Zig Zag Danza dará a coñecer Postales Rotas en Ribadeo. De Asturias tamén chega Zozobra, unha coprodución teatral de La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo, dirixida a público adolescente e adulto, que se poderá ver en Arzúa, Vilalba e Outes.
CAMIÑO EXPANDIDO
Xunto ao Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade fóra do circuíto de funcións. Unha das novidades deste ano é FOCOS, que se estrea en Cantabria, e que conterá un coidado programa de actividades, desde accións de promoción do sector escénico cántabro até o Encontro Habitación Peregrina PRO -o encontro profesional que se desenvolveu en Lugo desde 2020 e que, desde este 2025, pasa a ser itinerante-, que terá lugar no Palacio de Festivais de Cantabria do 16 ao 18 de setembro.
Na sétima edición percórrense tamén máis Vieiros, a iniciativa enmarcada no Camiño Expandido e que une ao CEN con distintos proxectos culturais dos territorios co obxectivo de dar forza e contexto ao programa, ademais de proxectar fóra da comunidade os proxectos locais. Nesta ocasión, traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT); Rincones y Recovecos e Danza Xixón (Asturias); o programa Movimiento en Red Cantabria; Bideart Zigoitia (Euskadi), e Festival Mute e o Festival Iberoamericano de Teatro da Rioxa (FITLO), ambos na Rioxa.
No 2025 mantéñense actividades como talleres, coloquios e encontros co público. A iniciativa Mirando as constelacións -mapeo das sedes nas que haberá actividade de CEN- e o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte -selección de 36 producións (seis por comunidade) que serve de promoción e apoio para a distribución fóra do ámbito do proxecto- redondean a oferta de CEN en 2025.
CAMIÑO ESCENA NORTE
Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN onta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.
PROGRAMACIÓN CAMIÑO ESCENA NORTE EN GALICIA 2025
12.09, ás 19.00h | Santiago de Compostela
Praza da Quintana (en caso de choiva, Casa das Máquinas)
Pausa, de niMú (Euskadi)
Circo. Todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.
13.09, ás 20.00h | Foz
Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, Sala Bahía)
Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
Teatro. Todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.
19.09, ás 20.00h | Arzúa
Xardín Casa de Correos (en caso de choiva, Capela da Madanela)
Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
Teatro. Público adulto e adolescente. Entrada libre ata completar capacidade.
21.09, ás 20.00h | Vilalba
Auditorio Municipal Carmen Estevez
Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
Teatro. Público adulto e adolescente. Entrada libre ata completar capacidade.
26.09, ás 18.00h | Carballo
Praza Cruz Vermella (en caso de choiva, Mercado Municipal)
Pausa, de niMú (Euskadi) – Actuación enmarcada no programa VIEIROS
Circo. Todos os públicos. Venda de entradas na web do FIOT www.fiot.gal (5€)
02.10, ás 20.00h | Lugo
Auditorio Municipal Gustavo Freire
Halley, de Led Silhouette (Navarra)
Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: www.entradaslugo.es
17.10, 20.30h | Negreira
Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón
Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas: www.woutick.es (3€)
19.10, ás 20.00h | Outes
Auditorio Casa da Cultura
Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)
Teatro. Público adulto e adolescente. Venda de entradas: www.bandoticket.com (5€ *)
*Bono para todas as actividades do trimestre a prezo reducido (30% sobre o total)
25.10, ás 20.30h | Vimianzo
Auditorio Municipal.
El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)
Teatro. Público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)
26.10, 20.00h | Ribadeo
Auditorio Municipal Hernán Naval
Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias)
Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio (3€)