Primeira parte para o Burela e segunda para as locais con numerosas ocasións e hat-trick de Lara
Burela, 24 de setembro, 2025. Segunda eliminatoria da Copa da SM A Raíña na que o Burela entra na competición enfrontándose ao CDE Leganés Masdeporte no pavillón La Fortuna de Leganés. Primeira parte para o Burela e segunda parte para o Leganés, que logra sobrepoñerse remontando e levándose o encontro. Moita intensidade, ritmo e emoción neste competido encontro que deixa fora da competición ao conxunto laranxa.
Primeira parte dominada polo Burela durante os 20 minutos de xogo, cunha Ana Eliza moi seria, moita participación por parte de Silvia Rubal e unha inspiradísima Lara que protagoniza numerosas ocasións e anota dous tantos neste primeiro tempo, tres en total. Comeza anotando a focense no minuto 4. Continúa o xogo con varias boas intervencións de Ana Eliza, tres ocasións de Irene, unha que vai ao pau, un cara a cara coa porteira e un zapatazo tras un saque de córner, tamén unha ocasión clara de Silvia Rubal que acaba marchándose polo fondo da pista e outra de Sandra no minuto 14, pero chega o empate no 15 nun gol de penalti de Guti. Tras un tempo morto para as locais, continúan as ocasións de Lara, a primeira no 16 e a segunda no 18 tras un pase ao segundo pau de Silvia Rubal. A dous minutos do descanso a focense logra anotar o 1-2 á saída dun córner que saca Silvia e segundos antes do minuto 20 lanza un balón ao pau.
Na segunda parte sae Lola defender os paus do Burela e no primeiro minuto primeira ocasión para Sydorenko. Mantén a presión alta o Burela que non deixa saír da súa cancha ao Leganés, ata o minuto 25 no que Noe anota o gol do empate tras unha perda das mariñanas. Comeza a tambalearse o xogo por parte dos dous equipos e empezan as ocasións para as leganenses, a primeira salvaa Sandra nunha perda de balón de Cris Blanco, que posteriormente ve a cartulina amarela nunha falta ao borde da área que aproveitan moi ben as locais logrando poñerse por diante cun tanto de Tula nunha xogada de estratexia no saque de falta. Un minuto despois, Guti consigue marcar distancias cun gol nunha falta directa que rebota en Laura Barranco e tras o tempo morto pedido por Belén Feal comeza a atacar de 5 o Burela con Irene de porteira-xogadora, buscando o empate. Comeza ben a estratexia cunha ocasión de Laura que se vai fóra e continúa o xogo de 5 incisivo do Burela pero sen lograr finalizar. No minuto 32 Lara anota o terceiro tras un pase entre línas da capitana que remata a focense atopándose coa porteira, aínda que aproveita o rexeite para anotar o 4-3. Pero un minuto despois Guti consigue o quinto a portería baleira nun despiste do Burela na circulación de balón durante o xogo de 5. Sucédense as ocasións por parte de ambos equipos, unha de Sydorenko nun cara a cara coa porteira, outra de Lara que remata de novo un pase de Silvia á espalda do Leganés e outra da mesma capitana que detén Moni, aínda que o Leganés tamén provoca boas ocasións e boas xogadas durante estes minutos. Chega o 6-3 definitivo no minuto 37 cun gol de Del Rio nunha cómoda saída dende a área que finaliza con éxito.
Tras a eliminación, as burelesas centraranse na competición ligueira que continúa este sábado en Murcia, a onde viaxarán directamente dende Leganés, con un complicado encontro ante o STV Roldán, ás 12.00h no pavillón municipal Gabriel Pérez Sánchez.
Ficha Técnica CDE Leganés Masdeporte 6-3 Burela FS
CDE Leganés Masdeporte (6): Moni; Noe, Beita, Guti, Alba -quinteto inicial-, Candela, Henar, Noe, Beita, Rocío, Benayas, Rey, Guti, Alba, Tula, del Río, Iraia.
Burela FS (3): Ana Eliza (C); Cris Blanco, Silvia Rubal (C), Sandra, Lara -quinteto inicial-, Mara, Laura Barranco, Irene, Marina, Sydorenko, Lola (P)
Goles: 0-1, min. 4: Lara. 1-1, min.15: Guti. 1-2, min.18: Lara. 2-2, min.25: Noe. 3-2, min.27: Tula. 4-2, min.28: Guti. 4-3, min.32: Lara. 5-3, min.33: Guti. 6-3, min.37: del Río.
Árbitros: David Franco, Georgiana Alina Bancu, Marta Garvalena Crespo.
Incidencias: Viron tarxeta amarela, por parte das locais o adestrador Jorge Babio e por parte das visitantes, Silvia Rubal, Cris Blanco e Sandra.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



