A rexedora cariñesa, Ana María López, destaca que “este pacto é moi interesante polas posibilidades de futuro que poden chegar ao municipio”
Cariño, 19 de setembro, 2025. O Concello de Cariño valora positivamente o impulso ao Pacto polo Litoral, presentado onte, xoves 18 de setembro, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como un acordo histórico de gobernanza compartida entre a Administración autonómica e os concellos costeiros.
Para Cariño, esta iniciativa resulta especialmente relevante polo seu posible impacto no mantemento das pasarelas do litoral e pola apertura de novas oportunidades de negocio na zona costeira, sempre baixo criterios de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente.
A alcaldesa, Ana María López, destacou que “es interesante por las posibilidades que pueden llegar a Cariño en el futuro, que pueden suponer un impulso muy importante en nuestro municipio”. Neste sentido, lembrou que están á espera de coñecer que edificios entrarán no Catálogo de Bens de Valor Cultural do Litoral, para posteriormente avaliar os posibles novos usos que se lles poida dar desde o Concello.
Entre as medidas avanzadas pola Xunta no encontro de onte, destaca tamén a modificación lexislativa que permitirá ampliar a tempada dos establecementos de praia, que poderán permanecer abertos desde Semana Santa ata o 31 de outubro. Unha medida que, en palabras da rexedora, “abre nuevas perspectivas de actividad económica ligada al litoral”.
Ademais, os concellos contarán co apoio da Xunta con medidas que lles permitan revisar e adaptar os plans urbanísticos; aprobar ordenanzas de protección dos espazos verdes; impulsar oficinas municipais do litoral; desenvolver proxectos de turismo sostible; promover programas locais de educación ambiental; e implicar a confrarías, mariscadoras e tecido local na planificación da costa. No ámbito dos avances xa conseguidos, creouse a Comisión Interdepartamental da Coordinación do Litoral, a orde de axudas de 5 millóns de euros para o embelecemento turístico da costa ou a convocatoria de ideas para deseñar un prototipo de chiringuito móbil biosostenible.
Con este Pacto polo Litoral, a Xunta busca reforzar a colaboración cos concellos costeiros en materias como a ordenación urbanística, a protección ambiental, o turismo sostible e a innovación económica. Neste marco, constituirase o Foro do Litoral, previsto para as próximas semanas, que actuará como máximo órgano de participación e onde se propoñerá a creación dunha mesa de desenvolvemento local específica cos concellos.