A Mariña, 19 de setembro de 2025. O reto turístico da Mariña para o 2026 é traballar para conseguir a excelencia en todos os sectores implicados. Así se puxo de manifesto na mesa redonda organizada pola FCAM, que tivo lugar onte á tarde no Cenima, en Foz.
Máis dunha hora de análise sobre o peso que o turismo ten na economía da Mariña, sobre a competencia que supoñen as vivendas de uso turístico para os hoteis, hostais, pensións ou apartamentos turísticos, sobre a numerosa presenza de autocaravanas que campan ás súas anchas por calquera recuncho da comarca, sobre os gastos que o incremento de poboación lle xera aos concellos: auga, lixo, etc, ou sobre a falta de persoal para cubrir todas as vacantes da hostalería, restauración e servizos.
Todos os participantes na mesa redonda coincidiron en destacar que o turismo vai a máis na Mariña, que o volume de visitantes incrementouse en 2025, que as pernoitas aumentaron e que a ansiada desestacionalización comeza a verse, porque os meses de maio, xuño e setembro cada vez rexistran máis turistas, moitos deles chegados desde o estranxeiro.
José Carlos Paleo, presidente de Acia Foz-CCA, subliñou que “o obxectivo final é a rendibilidade, si queres reinvestir tes que ganar cartos, senón é inviable. A excelencia é a rendibilidade”. Paleo fixo unha advertencia: “coidado cos aceleróns para non morrer de éxito, porque se é máis barato ir ao Caribe que vir aquí, ollo… hai detalles que hai que coidar, aínda que agora temos máis demanda que oferta”.
Jorge Orosa, vicepresidente de Acia Burela, considera que “hay que ser optimistas, la costa es muy atractiva, tenemos muchas ventajas con respecto a otras zonas. Debemos seguir trabajando como lo estamos haciendo, entre Concellos, Acias y el resto de las administraciones”. Para Orosa “en A Mariña se vive muy bien, el clima es excepcional y el entorno es espectacular”.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, entende que “na Mariña non podemos falar de masificación, polo momento, aínda que é certo en agosto o día a día complícase bastante en moitas vilas por mor do tráfico e das colas que se rexistran en moitos negocios aos que o resto do ano accedes sen ningún tipo de problema”. Insistiu en que “a acampada libre en Galicia está prohibida” e avogou “polo control desde as administracións con competencias na materia”.
Desde o CCH Viveiro a súa xerente, Isabel Méndez, que non puido acudir, pero enviou un escrito ao que lle deu lectura Beatriz Irigoyen, reclamou: máis infraestruturas e melloras nas que xa temos, máis seguridade, máis persoal nos centros de saúde, eses son os grandes retos para prestar os mellores servizos posibles a quen nos visita e aos que vivimos aquí todo o ano”.
Belén Prado, do cámping Rinlo Costa, apuntou que “para o 2026 temos que buscar a excelencia para ir sempre no bo camiño e que o perfil do turista que busquemos sexa do mellor. Hai que buscar calidade, estamos de moda, pero deberíamos primar a calidade sobre a cantidade. E que aquí se siga vivindo así de ben”. Andrea Rodríguez, de Apartamentos Turísticos Casa Fandín, de Ribadeo, apostou por “intentar conseguir persoal para traballar, pasar o inverno do mellor xeito posible e buscar clientela para pasar todos estes meses ata o vindeiro verán”. Alejandro Balseiro, de Hotel Urban, de Viveiro, fixo fincapé na necesidade de investir para mellorar “e poder dar esa calidade para buscar ese obxectivo de cliente, que é o que nos escolle; de nada nos vale o que ven a última hora sen reserva e queda na Mariña, porque ese perfil de cliente vén por prezo e por prezo se vai. É preciso investir o sector privado e o público para dar mellores servizos e para atraer á xente a asentarse tamén aquí”.
A xefa de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez, insistiu en “seguir traballando, colaborando e apoiando e seguir no mesmo camiño. Desde a Xunta temos que facilitar as cousas ás administracións locais e aos particulares. Estar sempre a carón dos empresarios turísticos”. Para Vázquez “a Mancomunidade é o instrumento máis axeitado para facer da Mariña un todo”.
E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, demandou “a A-74, ter en consideración á poboación flotante para os concellos tensionados, que nos virá moi ben, a variante de Viveiro, máis médicos e investimento en vivenda pública, máis limpeza e persoal de socorrismo e salvamento. E tamén máis civismo para ter os pobos máis coidados e máis limpos. Todos temos que colaborar para manter en condicións as xoias que temos”.
Para Cajoto “o éxito do modelo é que todos nos sintamos cómodos na Mariña”.
Acudiron a presenciar a mesa redonda, ademais de hostaleiros e técnicos de turismo, a deputada provincial de Facenda e alcaldesa de Burela, Carmela López; a presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o alcalde e a concelleira de Turismo de Ribadeo, Dani Vega e Marta Saiz; o concelleiro de Hostalería e Comercio de Viveiro, Domingo González; a concelleira de Comercio e Turismo de Foz, Kathy Navarro; a xerente do CCA de Foz, Ana Segade; así como o presidente e a xerente do Galp A Mariña-Ortegal, Javier Martínez e Rosana González.