Ó longo dos anos levo repasado o tema de ‘O Ribadeo que queremos‘ en varias ocasións. A liña seguida en todas elas era, máis que facer unha proposta concreta ou un conxunto de propostas como ‘o que queremos’ -algo que require comezar por un camiño de animación á participación da xente nos asuntos públicos-, o facer cavilar sobre a necesidade dunha reflexión do que queremos. A cousa estivo sempre establecida no sentido de que ninguén -ninguén- pode establecer o que o conxunto da xente quere, que ten que ser a propia xente quen decida, quen estableza en conxunto os obxectivos, prioridades, criterios…
Sei -‘sábese’- que a perfección no sentido dos procesos ós que me refería no parágrafo anterior, como en calquera outro desenvolvemento vital, é sempre unha aspiración, e polo tanto, unha ficción. Hai que telo en conta e non pedir demasiado ó conxunto nin a cada persoa en particular: nin a sociedade nin as persoas somos máquinas, e aínda que temos que dirixirnos a nós mesmos, se o facemos é precisamente para poder vivir, e non podemos ‘substituír a vida por a dirección desa vida’.
Dito o anterior, engado que a través do tempo teño recibido apoios ás miñas palabras sobre o tema. Mais nunca propuxen unha estrutura para canalizalos e que fosen abondos para que o proceso de concibir o Ribadeo que queremos se poña en marcha de xeito comunitario. Nesa liña, desta volta, coido convinte poñer algunha cousa á que me gustaría que Ribadeo se achegara no futuro, sendo consciente que é só a miña idea, aínda que me consta que é compartida por outra moita xente. Previo, dicir que nin vou a precisar extremadamente o que diga -non tería sentido nun escrito coma este, e menos sendo unha persoa e non a comunidade quen fai as propostas-, nin van aparecer unha morea de cousas para configurar calquera campo que se poda ocorrer, senón tan só cousas básicas. Iso si, o que aparece non corresponde co que se di dos programas dos partidos políticos, ‘feitos par non cumprir’. Aí van pois tres cousas que me gustaría formaran parte do Ribadeo do futuro.
– Participación. Cando só unha minoría moi minoría sabe cando foi o último pleno (non digamos xa de que se tratou nel), non se pode pensar en que contribúa a poñer o ombreiro para levantar Ribadeo en común. É algo básico, pero para que teña lugar necesítase antes animar a unha xente que leva moito, moito tempo, sendo desanimada na súa participación nos asuntos públicos, con moi pequenas excepcións.
– Ter conciencia de que é común e que non, simplemente para aproveitar as sinerxias respectando a diversidade. No campo das ideas e tamén do material: un camiño no Costal abandoado e cuberto de maleza, inutilizable? Se non se é consciente que é do concello, aínda que esté ben claro nos papeis, abandoarase máis porque nin se coñece nin polo tanto, pode aprezarse como propio. Casos como a Casa da Ría poden ter máis visibilidade, pero venme á cabeza cando se puxeron uns bancos fronte ó forte de San Damián, retiráronse porque alguén no pleno dixo que non era terreno municipal, e logo repuxéronse porque si era…
– Facer Ribadeo vivible para os ribadenses antes que un parque temático que expulse á xente do pobo e afaste á xente do rural. Sen ir máis lonxe, este verán andivo polo pobo quen non tivo outro remedio, convertíndose nun ‘refuxio climático’ que despraza como refuxiados ós seus propios habitantes.
Por hoxe, xa sae un texto longo, por moito que sexa moi escaso por todo o que falta. E ti, que cousas verías desexables no Ribadeo do futuro?