Ribadeo, 11 de outubro, 2025. As actividades no IES Ribadeo Dionisio Gamallo como Escola Mentora das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo comezaron este mércores 8 de outubro cunha entrega de diplomas do curso 2024-2025, e unha charla de Rosita Bugiolacchio, da Asociación INGALICIA, que introduciu ao alumnado nas posibilidades dos proxectos ERASMUS+, dos Corpos Europeos de Solidariedade, e das actividades de Voluntariado de axuda humanitaria.
O centro inicia así o seu labor divulgador e formador en valores desde unha perspectiva ampla e plural coa que pretende alentar ao alumnado nos programas e proxectos que lles permitan coñecer, compartir e reflexionar sobre os cambios sociais, ecolóxicos, económicos e políticos que nos rodean.
O traballo individual e en grupo do alumnado, a través de diversas iniciativas, pretende sensibilizar e ofrecer unha perspectiva vital que complete e desenvolva a madurez e a conciencia crítica, e fomente á vez a participación cidadá. Tomar conciencia do que somos, do que aprendemos, do que podemos compartir e do futuro que temos en común, está na base dos principios educativos do IES Ribadeo Dionisio Gamallo.
A este fin contribúe o traballo que, tanto a Dirección do centro como o profesorado, leva a cabo desde fai xa varios cursos como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo (127 en toda España, 7 en Galicia) e na que nos últimos cursos figuramos como Escola Mentora (64 en toda España, 5 en Galicia). Estas actividades vense complementadas co traballo con materiais didácticos proporcionados polo Parlamento Europeo, con diversos puntos de información (INFO-POINT) sobre as noticias de ámbito europeo, coa celebración do Día de Europa…., en definitiva as actividades que propoñemos pretenden fomentar o coñecemento de Europa e da democracia parlamentaria entre a xente nova e incentivar a reflexión e a conciencia social para conseguir unha comunidade tolerante, participativa e crítica.





















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



