Ángeles Vázquez salienta que é unha das principais actuacións hidráulicas que están en execución na Mariña e estase a tramitar unha modificación do proxecto para garantir tamén a xestión dos residuos das foxas sépticas de Foz e da súa contorna
Foz, 29 de outubro de 2025. A Xunta puxo esta mañá en valor os avances na execución das obras da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Foz, unha infraestrutura clave para o concello lucense e para a comarca da Mariña e que unha vez estea en funcionamento permitirá dar servizo a case tres veces máis poboación da que se atende coa instalación actual.
Durante unha visita á zona onde se están a levar a cabo os traballos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que nestes momentos a obra está executada xa nun 40% polo que se prevé que estea totalmente rematada o próximo ano.
Cun investimento total estimado en 14,2 millóns de euros —aportados integramente por Augas de Galicia e con cofinanciamento da UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)—, a actuación ten como fin lograr unha mellora substancial do sistema de saneamento no municipio grazas á execución dun tanque de tormentas de 1.500 m3, dun sistema de impulsión de 3,4 quilómetros para levar as augas desde o mesmo ata a depuradora e da xa mencionada EDAR.
A nova estación de depuración estará dotada cun sistema de eliminación de nutrientes e de desinfección e a súa capacidade máxima, que lle permitirá atender unha poboación de 22.361 habitantes, garante que se poida dar cobertura a todo o termo municipal.
Neste sentido, a conselleira lembrou que este proxecto xurdiu como resposta ás dificultades e problemas detectados no funcionamento da depuradora que dá servizo actualmente a Foz, unha infraestrutura do ano 2006 e dimensionada para atender ás augas procedentes de 8.000 habitantes equivalentes polo que non garante a cobertura das necesidades actuais e futuras deste municipio lucense.
Acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a responsable autonómica salientou ademais que o proxecto para a mellora do saneamento e a construción da nova EDAR en Foz é unha das principais actuacións hidráulicas que ten en marcha o seu departamento na comarca da Mariña.
Para que o seu alcance sexa aínda maior, Augas de Galicia está a tramitar nestes momentos unha modificación do proxecto inicial co fin de adaptar a futura depuradora para que poida xestionar tamén os residuos procedentes de foxas sépticas do concello e doutros puntos da contorna.
Máis de 46 M€ mobilizados na Mariña
A conselleira tamén explicou que tendo en conta as obras de próxima licitación, as que están actualmente en execución ou as que se remataron desde o ano 2024, o seu departamento ten mobilizados máis de 46 millóns de euros nos concellos da comarca lucense para conseguir dotala dun ciclo da auga moderno, eficiente e sustentable.
A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse á fase I das obras de mellora do sistema de saneamento de Burela, cun orzamento de 5 millóns de euros e actualmente en marcha; ao proxecto para optimizar o abastecemento a Ribadeo e Trabada, licitado por 7,5 millóns a comezos deste mes; ou ás melloras nas liñas de tratamento da EDAR de Viveiro (4,5 M€) e no saneamento de Celeiro (3,9 M€), ambas rematadas o ano pasado.
En canto aos orzamentos de 2026, a conselleira salientou que Augas de Galicia disporá de case 152 millóns de euros, un 5,49% máis que en 2025. Dese total, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas que melloren a calidade de vida da poboación.




















O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



