O líder dos socialistas galegos sinala que as contas da Xunta para 2026 “non teñen alma social nin visión de país” e condenan a Lugo á marxinación e á desigualdade estrutural
Lugo, 25 de outubro de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Rueda de “castigar” de novo a Lugo nos Orzamentos de 2026 porque “non gobernan” na provincia e a utilizan “como moeda de cambio”. Así o dixo nunha rolda de prensa xunto co secretario provincial, José Tomé, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e a secretaria de Organización de Lugo, Pilar García Porto logo de visitar tamén a provincia de Ourense.
Besteiro cualificou de “vergoña democrática” que o PP presente uns Orzamentos nos que “replican” as mesmas partidas económicas que xa incluían o ano pasado e que “nunca executan”. Criticou que Rueda “anuncia moito e cumpre pouco” mentres lle da “as costas” á provincia cunha proposta de orzamentos pero que lles serven para sacar titulares mentres nada cambia na vida da xente”.
O líder dos socialistas galegos citou as “débedas históricas” coa provincia que permanecen ano tras ano sen executar, como son a VAC Costa Norte, a Ronda Leste, o Plan Paradai ou o Museo da Romanización, pendente dende hai catro anos.
Os orzamentos para o próximo ano seguen sen darlle resposta aos problemas da provincia, como a vivenda, o transporte interurbano, a sanidade ou a Dependencia, a pesares de que sexa unha das provincias con máis xente maior de Galicia. Dixo que os 27 millóns de euros para sanidade, educación e Dependencia son “maquillaxe orzamentaria”, e os 2 millóns para as vivendas Rexurbe constitúen un “insulto á intelixencia”.
Anunciou que o Grupo Socialista presentará unha serie de emendas no trámite parlamentario “para que a provincia dispoña do financiamento que necesita para atender ás necesidades da xente, e que teñan en conta a súa “desigualdade estrutural” con respecto ao resto das provincias. Puntualizou que “non pode ser que repitan o dos dous últimos anos, nos que Lugo recibiu 0 euros do Fondo Interterritorial para cohesión cando Galicia recibe as maiores transferencias da historia dende o Estado.
Orzamentos sen alma social
Besteiro advertiu que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano “non teñen alma social nin visión de país”, e perpetúan a “marxinación e desigualdade estrutural” das provincias do interior, onde criticou que as contas carecen dunha proposta económica seria, senón que se limitan a un “exercicio de propaganda de manual”, que deixan a Galicia, e sinaladamente ao interior, “sen horizonte”.
Criticou que as contas para o próximo ano esquecen á vivenda, a sanidade, a Dependencia ou o reto demográfico, fundamentais para os galegos e as galegas, e desmentiu que se trate dunhas contas expansivas, xa que medran por debaixo do custe da vida, e destinan máis recursos ao pago da débeda -1.858 millóns de euros- que á Atención Primaria, a Dependencia ou a vivenda.
O responsable socialista criticou que ao mesmo tempo o goberno galego “permítese o luxo de rexeitar a condonación da débeda”, que permitiría liberar o próximo ano 620 millóns de euros para mellorar os servizos públicos.
Ademais, advertiu que segue a incluír partidas para vivenda que seguen sen executar cando Lugo conta con preto de 3.000 familias demandantes de vivenda pública. Afeoulle ao presidente da Xunta que a día de hoxe só teñan executado o 5 por cento dos fondos para vivenda previstos para este ano, e para 2025 ofrecen “pisos – zulo” de 26 metros cadrados como gran proxecto de vivenda, que cualificou de “un insulto”.
Rueda sabe que non vai cumprir con Lugo
O secretario provincial, José Tomé, criticou que a Xunta “sabe que non vai cumprir” as partidas coas que enche os orzamentos porque é “materialmente imposible executar obras sen licenza ou sen declaración ambiental”. Acusou ao presidente da Xunta de “acordarse de Lugo só cando presenta as contas, pero esquecela cando toca cumprir”.
Citou as grandes obras pendentes na provincia, como a ronda Leste, o acceso ao Porto Seco de Monforte, o desdobramento do corredor Nadela – Monforte, a VAC Costa Norte, así com as variantes e melloras de seguridade viaria en toda a provincia. Sinalou tamén as infraestruturas sanitarias, presentes só nos “recortes, parálise e maquillaxe orzamentaria” para agochar o seu abandono, como sucede coa Intermodal, paralizada polo PP para anunciar agora 8 millóns de euros que corresponden á UE.
Dixo que os concellos “non poden facer máis con menos” e esixiulle á Xunta que “cando lles traspasa competencias que non lles corresponden, tamén lles debe garantir os recursos” que necesitan para non afogar. Subliñou que “o PP busca titulares e nós buscamos solucións, porque Rueda e Candia poden vivir de anuncios, pero Lugo vive de realidades que non chegan”.



















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



