José Tomé Roca compareceu este xoves na Cámara autonómica para explicar as liñas estratéxicas dos presupostos provinciais do ano que vén, que soben en 5M€ respecto os deste ano e virán consolidar unha acción de Goberno centrada na mobilidade, as políticas sociais, a cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos
Lugo, 30 de outubro de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no Parlamento de Galicia as liñas estratéxicas dos Orzamentos provinciais para o 2026, que crecerán ata os 135M€. Uns presupostos “que protexen, que avanzan e que serven á xente da nosa provincia” e que tal e como explicou o mandatario provincial, virán consolidar unha acción de Goberno que leva anos centrada na mobilidade, as políticas sociais, a cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos.
“Para o 2026 presentamos uns Orzamentos expansivos, que medran un 3,57% por riba do IPC, máis de 5M€ respecto ao 2025”, detallou Tomé Roca. Informou que a Deputación, como sempre desde que el é Presidente, está ultimando os presupostos “coa previsión de levalos ao Pleno para a súa aprobación en novembro e que, desta forma, poidan entrar en vigor a principios do mes de xaneiro”.
Enmarcou a súa comparecencia no Parlamento galego “en tempo e forma” co compromiso real que ten o seu Goberno coa cidadanía, “porque así entendemos a responsabilidade pública”. E destacou que a utilidade das contas mídese no seu grao de execución, valorando que “aí nós falamos con feitos: nos últimos anos a Deputación está a executar máis do 90% do seu orzamento, situándose entre as administracións máis eficaces do Estado. Aquí o que se aproba, cúmprese”. Nese sentido, apuntou que os Orzamentos 2026 seguen un rumbo “claro e planificado, asentado nos catro grandes piares da nosa acción de Goberno: a mellora da mobilidade, a cooperación cos concellos, o apoio aos sectores produtivos e as políticas sociais”.
Máis de 27M€ para a mobilidade
Respecto da mobilidade, que cualificou como “o primeiro factor de igualdade territorial” porque “se os núcleos non están conectados, non hai poboación que resista”, asegurou que a Deputación continuará co “mellor plan de estradas da historia da Deputación”, actuando sobre a rede provincial máis extensa de España: 4.217 quilómetros.
Nese sentido, avanzou que a institución vai consolidar e incrementar o investimento do pasado ano, que acadou os 27M€ para a mellora e conservación de estradas. Destacou que este ano a Deputación mobilizou o arranxo de máis de 100 quilómetros de estradas provinciais ao seu paso por 30 concellos. “Sen distincións por cores políticas. Nós planificamos, actuamos e conservamos seguindo criterios técnicos” e nese sentido destacou que o 60% dos arranxos foron en concellos cun alcalde ou alcaldesa do PP.
E comprometeuse a seguir traballando para conseguir que unha parte dos fondos da Unión Europea se destinen á mellora da mobilidade por estrada.
Ampliación da rede de protección social con dúas novas residencias
No que ten que ver coas políticas sociais, o Presidente asegurou que a Deputación manterá un terzo dos orzamentos a esta partida que conta cunha das redes de protección máis ampla e eficaz de todas as deputacións de España. Destacou nese sentido iniciativas como a teleasistencia, o servizo de axuda no fogar ou a rede de centros de atención a maiores.
Fixo fincapé en que a institución provincial ten en funcionamento 9 residencias cun modelo “público, de calidade, con emprego local e con arraigo social” e anunciou que “polo menos 2 dos 4 novos centros que estamos construíndo estarán en funcionamento entre finais de 2026 e comezos do 2027, ampliando a nosa rede e reforzando o rural”. E aproveitou o Presidente para lembrar que o modelo da Deputación é referencia a nivel europeo.
22,2M€ para o Plan Deputación de cooperación cos concellos
Anunciou que o Plan Deputación de cooperación cos concellos estará dotado con 22,2M€, subindo con respecto ao ano pasado. Unha iniciativa que se rexe por criterios “públicos, transparentes e obxectivos, cun respecto absoluto á autonomía municipal”, engadindo que así se entende a cooperacións institucional, “desde a confianza e non desde a tutela”, porque son os propios municipios os que deciden o destino dos recursos que deciden.
No que ten que ver coa cooperación cos concellos, apuntou que case todo o que fai a Deputación é cooperación cos concellos. Ser o Concello dos concellos marca o día a día da institución provincial “de maneira transversal, constante e comprometida” co obxectivo de gañar eficacia e ser útiles para a veciñanza.
O rural no epicentro das políticas co Centro de Innovación Territorial
O Centro de Innovación Territorial constitúe unha das grandes apostas estratéxicas dos Orzamentos 2026. O Presidente expuxo que se trata dun proxecto “pioneiro”, concibido para situar o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento. E relatou que grazas ao convenio asinado co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mobilizaranse 850.000 euros -510.000 serán achegados polo Goberno de España e 340.000 pola Deputación- entre este ano e 2029 para poñer en marcha un instrumento “moderno, eficaz e transformador”.
Valorou que a misión desta nova dotación será “activar o territorio desde o propio territorio, impulsando proxectos que xeren actividade económica, emprego e poboación. Servirá para acompañar aos concellos rurais, especialmente aos de menor tamaño, na captación de fondos, na planificación de proxectos, na dixitalización dos servizos públicos e na loita contra a fenda territorial”. Tamén funcionará como un espazo de transferencia de coñecemento e de cooperación público‐privada, conectando o noso rural coas universidades, os centros de investigación, o tecido produtivo e as novas iniciativas emprendedoras.
Un centro co que, segundo Tomé Roca “afirmamos un principio político nítido: o rural non se abandona nin se lamenta; o rural actívase, confórmase e lánzase cara adiante con recursos, intelixencia e planificación”.
Compromiso cos sectores produtivos
Asegurou o Presidente que os sectores produtivos contarán un ano máis co compromiso da Deputación de Lugo. Destacou que a institución provincial tense convertido dun referente en iniciativas públicas en apoio do sector primario, “un motor económico fundamental para a provincia”, a primeira de España en produción de leite, de carne, de madeira e moi relevante na pesca”.
Puxo como exemplo o proxecto da Administración provincial na Granxa Gayoso Castro, unhas instalacións “fundamentais” para o ensino universitario do Campus Terra e a colaboración coa USC. Destacou que a de Lugo é a Deputación de España que máis colabora coa ensinanza superior e que o seguirá facendo, “porque temos unha visión estratéxica do sector primario, no que poñemos recursos da man do tecido produtivo e incorporando o coñecemento da Universidade”.
No ámbito turístico avanzou que porase en marcha “un revulsivo” en Antas de Ulla: o Parque Central de Galicia, que “será, sen ningunha dúbida, un antes e un despois para o turismo na comarca da Ulloa”. Enumerou outras iniciativas da Deputación fundamentais para o desenvolvemento do territorio, como o programa de visitas Coñece a túa provincia, as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, a colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña, ou a aposta “forte” polas Reservas da Biosfera: Terras do Miño e Ancares Lucenses. Todas elas, asegurou, terán continuidade de cara ao vindeiro ano.
Subliñou a modo de conclusión o Presidente que “os bos gobernos non se miden polo ruído que fan, senón pola pegada que deixan” e nese sentido defendeu o labor do Goberno da Deputación que “transforma orzamentos en feitos, promesas en servizos e palabras en oportunidades”, convertendo os recursos públicos en avances e melloras co convencemento de que os feitos son capaces de cambiar vidas. E nese sentido rematou a súa intervención agradecendo ao persoal da institución provincial que fai cada día que estas políticas se convertan en realidade co obxectivo de lograr unha provincia “viva, orgullosa e con futuro”.



















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



