O tributo a AC/DC de Black Back Band será o prato forte dunha noite chea de música, boa compañía e os tradicionais callos de balde para repoñer forzas durante esta festa pre fin de ano, con ensaio incluído das badaladas a media noite
Cervo, 11 de novembro do 2025. O Concello de Cervo, en colaboración coa Asociación Amigos da Troula, vén de anunciar o cartel oficial da sétima edición do Callo Fest, que se celebrará o venres 26 de decembro na Praza dos Campos de San Cibrao.
Esta nova edición está pensada como unha auténtica festa de pre-fin de ano, para gozar con amigos e en familia nun ambiente festivo, próximo e aberto a todas as idades.
Tal e como apuntan desde a organización, o line-up deste ano reúne catro propostas moi potentes e variadas, capaces de satisfacer a un público diverso.
Aphonnic, banda viguesa de metal alternativo con máis de dúas décadas de traxectoria, é unha das formacións máis recoñecidas do xénero en Galicia. Este 2025 foron unha das bandas encargadas de tocar no Main Stage do Resurrection Fest, e contan con galardóns como o Premio Martín Códax da Música Galega 2017 na categoría de metal.
Black Back Band traerá á Praza dos Campos o mellor tributo a AC/DC, cun espectáculo enérxico e cheo de rock clásico que fará vibrar ao público de todas as idades.
Not Yet, banda mariñá emerxente de post-hardcore, presentará o seu primeiro traballo de estudo Two Steps to Rest. A súa presenza en festivais como o Resurrection Fest ou o Tsunami de Xixón confirma o seu gran momento e a súa aposta por un son actual e contundente.
Until Dawn, formación de recente creación integrada por músicos con experiencia en proxectos como Sunday Morning Club e Lazy Bones, mestura o metal coa complexidade do rock progresivo, ofrecendo unha proposta chea de forza e personalidade.
A noite pecharase coa actuación da Disco Móbil Conxuro, que fará bailar a todos os asistentes.
Ademais da música en directo, o Callo Fest será tamén unha gran festa de fin de ano, coa celebración das badaladas ás doce da noite a modo de ensaio para dar a benvida ao novo ano en boa compañía e o reparto de racións de callos de balde entre as persoas asistentes.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “o Callo Fest consolídase como unha cita indispensable no noso calendario cultural e festivo, un evento que combina música de calidade, convivencia e dinamización social”. Engadiu tamén que “queremos invitar a veciños, visitantes e amantes da música a reservar a data, a vir con ilusión e a compartir unha noite diferente, pensada para todas as idades, para amigos, para familias, para todos”.
A sétima edición do Callo Fest reafirma así o compromiso do Concello de Cervo coa cultura, a música en directo e o impulso da vida cultural e social do municipio.
























A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo destacaron que esta iniciativa busca dinamizar os domingos de feira e dar visibilidade ao traballo artesán. As inscricións poden realizarse ata o 26 de abril, cubrindo o formulario dispoñible en vilalba.gal/novas e enviándoo a feiras@vilalba.es xunto coa documentación requirida. Para consultas, está dispoñible o teléfono 982 51 03 05.
A representación desenvolverase na praza do mosteiro, na igrexa e nos espazos exteriores habituais para escenas como o xuízo ante Pilatos, o horto e a crucifixión. Participarán a Garda Pretoriana de Lugo, a Percussio Praetoria e o grupo Galiclasic, nun evento recoñecido como Festa de Interese Turístico Rexional e no que colaboran arredor de cen persoas.
O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).


